Imprimir esta páxina
Xoves, 19 Mai 2016 21:52

O ministro de Xustiza asegura que Galicia "está na media" de 80% de asuntos revisados xa polos fiscais en todo o Estado

Valora este artigo
(0 votos)

A Unión Progresista de Fiscais manifesta o seu "estupor" polas declaracións "cheas de inexactitudes" de Rafael Catalá

"Galicia está na media: nalgunhas fiscalías xa se rematou o traballo e noutras estase moi preto de culminalo". Así o asegurou esta tarde o ministro de Xustiza en funcións, Rafael Catalá, logo de reunirse coa fiscal xeral do Estado, Consuelo Madrigal, para abordar a situación da revisión por parte dos fiscais das causas penais pendentes en toda España, que teñen que estar rematadas antes do 6 de xuño.

A fiscal xeral do Estado, Consuelo Madrigal, e o ministro de xustiza, Rafael Catalá, nunha foto de arquivo
Consuelo Madrigal e Rafael Catalá nunha foto de arquivo   FGE

Con esta medida preténdese distinguir os procedementos sinxelos, nos que se pechará a instrución, dos complexos, para os que se pode pedir unha prórroga de 18 meses e outra máis por igual tempo, segundo establece a Lei de Axuizamento Criminal (LeCrim) que entrou en vigor o pasado 6 de decembro.

En contra do que manifestou onte o Consello Fiscal, que asumiu a imposibilidade de revisar todas as causas no prazo requerido (346.000 segundo o listado dos letrados da administración de Xustiza), o ministro asegurou hoxe que"se vai cumprir o prazo e se vai acabar o traballo", con plena cualidade técnica, antes do 6 de xuño. "Non vai haber ningunha causa que se arquive polo mero transcurso do tempo", insistiu.

Só o 30% son causas complexas

Catalá, que compareceu ante os medios en ausencia de Madrigal, afirmou que, coa información facilitada polos letrados (antes secretarios xudiciais), "na práctica totalidade do territorio nacional xa se levou a cabo ese traballo". "Os datos que temos son dun cumprimento do 100% en moitísimas provincias _engadiu_ e nalgunhas, onde había moito máis volume de traballo ou causas máis complexas, sitúase no 80% na maioría dos casos".

O ministro de Xustiza suliñou que a Fiscalía Xeral coñece eses datos e mesmo lle informou de que o 70% das causas revisadas ata o de agora son sinxelas e o 30%, complexas.

En todo caso, e para garantir a revisión completa en tempo e forma, anunciou que se vai extender a todo o Estado o protocolo que se acaba de asinar na Fiscalía Provincial de Valladolid cos xuíces e letrados de xustiza para que se lles dea traslado aos fiscais de todas as causas, e que este mesmo procedemento se aplique no futuro a todas as causas que se incoen nos xulgados.

Nova listaxe

Precisamente, a Unión Progresista de Fiscais (UPF) denunciara o martes pasado a "nula colaboración" do corpo de letrados, unha opinión que choca co "magnifico traballo de colaboración coas fiscalías" do que hoxe falou Catalá.

O ministro anunciou unha segunda medida para asegurar a revisión das causas: a elaboración e remisión aos fiscais dunha nova listaxe de todos os procedementos pendentes. En canto aos 80 novos fiscais con que o Ministerio reforzou as fiscalías para este labor, Catalá sinalou que os que vaian quedando libres nas provincias que o teñan rematado serán destinados a aquelas que aínda non o fixeron.

O responsable de Xustiza en funcións concluíu que "se vai cumprir, como non pode ser doutra forma, o mandato da lei", e engadiu que o efecto inmediato desta revisión completa de asuntos redundará nunha maior axilización procesal en todo o territorio xudicial.

Primeiras reaccións

As primeiras reaccións dos fiscais non se fixeron agardar. A UPF manifestou o seu "estupor" polas declaracións "cheas de inexactitudes" do ministro, aínda que esperará a que se pronuncie a Fiscalía Xeral do Estado sobre o falado na reunión para facer pública a súa resposta. Polo de pronto, non coinciden con Catalá nin na colaboración dos letrados nin no número de expedientes para revisar nin na porcentaxe dos asuntos que se levan estudados. Tampouco, por suposto, no optimismo ministerial de que se remate o labor en prazo.

 

(Escoitar o audio)