Imprimir esta páxina
Luns, 16 Mai 2016 10:02

A Fiscalía Xeral do Estado e Facenda melloran o intercambio de información tributaria

Valora este artigo
(0 votos)

A Fiscalía Xeral do Estado e o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas subscribiron un documento para a mellora do intercambio de información tributaria que permititá á Fiscalía a consulta e obtención de datos fiscais a través do chamado Punto Neutro Xudicial.

Este convenio pon a disposición da Fiscalía unha ferramenta de gran valor que lle permitirá obter información na súa tarefa investigadora. Os fiscais poderán acceder a estes datos tributarios durante a práctica das súas dilixencias de investigación preprocesal. En cada Fiscalía designarase un punto neutro que xestionará o acceso individualizado de cada fiscal mediante a súa identificación de usuario e contrasinal.

A Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), o Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPX) e o Ministerio de Xustiza asinaron en setembro de 2010 un convenio de colaboración, en materia de cesión directa e automatizada de información tributaria, por parte da AEAT aos xulgados e tribunais. 

A partir de agora, e grazas a unha adenda ao citado convenio, incorporarase o Ministerio Fiscal para a cesión telemática de datos. A adenda ao convenio para a incorporación do Ministerio Fiscal foi asinada pola fiscal xeral do Estado, Consuelo Madrigal, o presidente do Tribunal Supremo e do CGPX, Carlos Lesmes, o secretario de Estado de Facenda e o presidente da AEAT, Miguel Ferre, e a secretaria de Estado de Xustiza, Carmen Sánchez-Cortés. 

Os órganos do Ministerio Fiscal formularán as peticións de información tributaria no ámbito do citado convenio, a través do servizo de Punto Neutro Xudicial, que xestiona o CGPX. Os datos serán utilizados con fins profesionais sen que poidan ser utilizados nin ter acceso persoas físicas ou xurídicas alleas á súa función. A cesión directa e telemática que potencia o citado convenio non exclúe a atención  por parte da Axencia Tributaria de peticións individualizadas de información, por parte de xulgados e tribunais, como vén facéndose ata agora. 

8 millóns de accesos anuais ao Punto Neutro

Durante 2014 e segundo a última memoria dispoñible da Axencia Tributaria, rexistráronse máis de 8,6 millóns de accesos directos polos órganos xurisdicionais mediante conexión telemática ao Punto Neutro Xudicial e tramitáronse 18.209 solicitudes xudiciais de información tributaria individual.

Coa firma da citada adenda ao convenio, amplíase a colaboración da Fiscalía coa Axencia Tributaria e cos diversos órganos da Administración e do Poder Xudicial, e poténciase o intercambio telemático de información.  

A Axencia Tributaria dispón dunha unidade de apoio á Fiscalía Especial contra a Corrupción e a Criminalidade Organizada (Fiscalía Anticorrupción), cuxa función consiste en realizar os informes, auditorías e actuacións que lle requira o fiscal xefe da Fiscalía Especial ou o fiscal xeral do Estado. Esta unidade depende orgánica e funcionalmente da Axencia Tributaria.