Colaboradores externos da trama Correa

A sentenza distingue entre os membros da trama Correa, aos que condena por asociación ilícita (salvo os xa condenados na recente sentenza do Tribunal Supremo no caso Fitur) e os colaboradores externos, que desempeñaban as súas funcións no ámbito da Administración.

Entre estes últimos, o tribunal describe o papel levado a cabo en Estepona polo xerente da Sociedade Municipal de Turismo, Ricardo Galeote nos contratos ás empresas de Correa; a Sala relata o papel exercido polo deputado por Segovia Jesús Merino dentro do apartado de Castela e León. No municipio madrileño de Pozuelo, o tribunal describe as actuacións ilícitas executadas polo ex alcalde Jesús Sepúlveda.

Na Comunidade de Madrid, a sentenza detalla os actos levados a cabo polo ex director xeral de Inmigración, Carlos Clemente. Os maxistrados destacan a operativa ilícita desenvolvida polo daquela alcalde de Majadahonda, Guillermo Ortega e o ex conselleiro madrileño Alberto López Vello a quen inclúe dentro da organización criminal do Grupo correa, resultando tamén condenados por asociación ilícita.

Todos eles, aproveitándose das súas competencias dentro da Administración conviñan con Francisco Correa para procurarse ilicitamente un mutuo beneficio.

Os responsables políticos, explica a sentenza, “exercían a súa capacidade de influencia ou impoñían mediante a presión que lles permitía o abuso das funcións propias do seu cargo, as directrices idóneas para orientar a oferta e as condicións dos contratos ás conveniencias da empresa do grupo”.

Os xuíces destacan a influencia que tiñan Luís Bárcenas e Jesús Merino sobre outros cargos do PP e da que se aproveitaron Francisco Correa e o seu número dous, Pablo Crespo para conseguir adxudicacións públicas a favor das súas empresas.

A sentenza describe un mecanismo similar na contratación coas administracións públicas, con adxudicacións que vulneraban a normativa administrativa, obtendo así un lucro persoal ilícito para as empresas de Correa e para os funcionarios ou cargos que desde dentro da Administración participaban nesa irregularidade.

As comisións que se  devengaron polas operacións enumeradas non só abonábanse en metálico. A sentenza detalla múltiples viaxes e outros servizos organizados pola axencia Pasadena Viaxes, agasallos de coches, reloxos, ou eventos familiares nalgún caso.

As comisións maquillábanse mediante a emisión de facturas ficticias ou por importes superiores. Por exemplo, a Sepúlveda, a axencia Pasadena Viaxes sufragoulle en viaxes e servizos turísticos da familia 50.332 euros. E 4.500 euros de eventos familiares.

Outro exemplo é o de Alberto López Vello, de quen a sentenza considera que cobraba un 10% de cada acto que organizaba coa trama de Correa, entre 2004 e 2008, con comisións en metálico e en especie. As cantidades incluíanse como custo á Comunidade de Madrid e pagábanse con cargo ás súas arcas públicas.

Respecto de López Vello calculouse que puido devengar en concepto de comisións en metálico 282.302 euros por 348 actos que organizou na Comunidade madrileña. A esta cantidade débense engadir outros 166.567 euros de comisións en relación con outros 38 actos que organizou con outra das condenadas, Isabel Jordan, a partir de 2007, cando esta se independizou das empresas de Correa. Así, en total, as comisións devengadas alcanzan a cifra de 448.870 euros.

Top