Luns, 16 Mai 2016 14:44

Gustavo Varela, o fiscal depurado

Valora este artigo
(1 Voto)

Se todos os cambios político-ideolóxicos levan aparelladas “reestructuracións”, mudanzas e cesamentos en instancias que non son políticas nin ideolóxicas, pero que se ven privadas de calquera caste de presunción de inocencia, as rupturas convulsas da orde establecida van moito máis aló e aséntanse directa e sumarisimamente na presunción de culpabilidade. Nos anos tráxicos da Guerra Civil houbo xuíces e fiscais depuradores e xuíces e fiscais depurados. Sobre un destes últimos versa esta breve historia.

Fotografia de Gustavo Varela
Gustavo Varela      Familia Badía

Gustavo Varela Radío (Pontevedra, 10 de maio de 1876 – Santiago, 10 de maio de 1956) naceu no seo dunha familia acomodada e fortemente inserida no ambiente universitario máis progresista da Galicia de finais do século XIX e principios do XX. O seu tío Ramón Varela (e, en menor medida, o seu pai) tiñan unha estreita relación con Francisco Giner de los Ríos e a Institución Libre de Enseñanza que este fundara, e os fillos seguiron mantendo ese contacto fluido coa entidade educativa. A Institución foi clausurada, e os seus bens, confiscados, ao comenzo da ditadura franquista.

Os poucos datos biográficos directos dos primeiros anos de vida de Gustavo Varela _máis aló dos seus primeiros estudos no Instituto Xelmírez da capital compostelá e dos de dereito na súa Universidade_ veñen da man da Gaceta de Madrid (o antecedente do actual Boletín Oficial do Estado) e testemuñan a súa incorporación coñecida á vida administrativa dun xeito cando menos sorprendente: o 12 de decembro de 1922, con 46 anos e xa convertido en maxistrado, é promovido ao cargo de gobernador civil de Salamanca, pero o propio Alfonso XIII vese obrigado a asinar, só cinco días despois, o real decreto no que admite a renuncia do seu nomeado, que se sumaba ás dos gobernadores civís de Barcelona e Huesca.

Non se coñecen as razóns dun mandato tan brevísimo que nunca foi, pois non consta que chegara a tomar posesión do cargo. O seu neto, Nicolás Badía Varela, custodio hoxendía da memoria familiar, asegura que o seu avó materno era un home pegado á terra, e pon en dúbida que aceptara un cargo tan afastado da súa Compostela adoptiva. Aporta, sen poñelo en relación, outra clave que podería explicar tal decisión: Varela Radío era republicano.

Sexa como fose, aos poucos meses (setembro de 1923) aconteceu o golpe de estado co que Miguel Primo de Rivera inaugurou a súa Ditadura con Rei, e a Gaceta recolle en 1924 o nomeamento de Varela, que daquela era avogado fiscal da Audiencia Territorial de A Coruña, como xuíz de Primeira Instancia dese mesmo órgano xudicial.

Gustavo Varela na súa oficina xudicial xuntos cos oficiais
O fiscal no seu despacho    F.B.

Tras un novo paso fugaz de catro meses como maxistrado da Audiencia de Cádiz, volve á Coruña como tenente fiscal da Audiencia Territorial. Proclamada xa a República, en maio de 1931 Varela Radío é promovido a fiscal territorial da Audiencia coruñesa, o que, salvando as distancias, equivalería ao actual cargo de fiscal superior.

Hai dous fitos, ademais da súa pública filiación republicana, que poden explicar o que aconteceu en 1936. En febreiro de ese ano, tras o triunfo electoral da Fronte Popular, o Goberno promulga un decreto lei de amnistía "para os penados e encausados por delitos políticos e sociais".

Ese mesmo mes declárase un incendio na residencia coruñesa dos Padres Redentoristas, polo que foron detidos "un tal Cabanillas y otros", segundo consta na causa xudicial. Pero o procedemento queda interrompido cando o fiscal alega "que procede sobreseer libremente este sumario por ser de aplicación las disposiciones del Decreto Ley de Amnistía". E o xulgado dita entón o seguinte auto:

 "Resultando que concluso el sumario y remitido a esta Audiencia, el Ministerio fiscal en el período de instrucción, manifestó que procedía sobreseer libremente este sumario por ser de aplicación las disposiciones del Decreto Ley de amnistía. Considerando que el delito base de este sumario es de carácter político-social por las circunstancias en él concurrentes, motivación y bien jurídico lesionado, procediendo por ello acceder a lo interesado por el Sr. Fiscal".

Dous días despois, prodúcese un intento de incendio no convento dos Padres Redentoristas, polo que resultan detidas catro persoas. O fiscal de garda pide o procesamento dos supostos autores e o seu ingreso en prisión, pero aos catro días o fiscal Gustavo Varela solicita para eles prisión atenuada, e o galeguista, artista e avogado Luís Seoane faise cargo da defensa. Finalmente, son absoltos por falta de probas.

Logo do golpe de estado de xullo, incóase expediente contra o fiscal Varela e, en decembro do 36 é suspendido de emprego e soldo en aplicación do decreto 108 aprobado pola Junta de Defensa Nacional, que no seu artigo 3º dispuña que "Los funcionarios públicos ... podrán ser suspendidos y destituidos de los cargos que desempeñen cuando aconsejen tales medidas sus actuaciones antipatrióticas o contrarias al movimiento nacional".

A resolución non se fai esperar: "Visto el expediente instruido contra el Excmo. Sr. D. Gustavo Varela Radío, Fiscal Territorial de la Audiencia de La Coruña, se acuerda la separación del servicio de dicho funcionario, el que causará baja definitiva en el Escalafón de los de su Cuerpo. Burgos 30 de enero de 1937".

Gustavo Varela e o seu consogro e presidente da Audiencia da Coruña Nicolás Badía Álvarez
Varela e Nicolás Badía Álvarez      F.B.

Varela retiraríase logo a Santiago, onde na súa casa do Preguntoiro compartía tertulia nocturna con escritores e  xornalistas como Borobó. Non volveu á vida xudicial, pero si litigou co Estado para que se lle aboara a pensión de xubilación que por dereito lle correspondía, e que por fin foille recoñecida en 1952.

Moi distinta sería a sorte do seu amigo, compañeiro de Audiencia e logo consogro Nicolás Badía Álvarez (Mugardos, 1874 - A Coruña, 1953), que chegou a ser presidente da Audiencia Territorial de A Coruña en 1944 e foi "xubilado con honores de maxistrado do Tribunal Supremo", segundo recolle o decreto do seu retiro profesional. 

Gustavo Varela falecía en Santiago o mesmo día en que cumpría 80 anos.

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top