Imprimir esta páxina
Xoves, 01 Xuño 2017 21:02

A familia de dúas vítimas do franquismo denuncia a España ante a ONU por non exhumar os seus corpos do Val dos Caídos

Valora este artigo
(1 Voto)

Consideran vulnerada a tutela xudicial efectiva por non dar cumprimento á resolución que autorizou o desenterramento dos fusilados

A familia de Manuel y Antonio Ramiro Lapeña Altabás, dous irmáns fusilados en 1936 pola súa pertenza ao sindicato anarquista CNT e soterrados no Val dos Caídos en 1959, presentaron hoxe unha denuncia contra o Estado español perante as Nacións Unidas polo que considera unha "vulneración reiterada do dereito á tutela xudicial efectiva".

Dos fundamentos legais da denuncia saliente o artigo 10.1 do Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos, consonte o cal "toda persoa privada de liberdade será tratada humanamente e co respecto debido á dignidade inherente ao ser humano".

Nunha nota de prensa remitida polo avogado da familia, Eduardo Ranz Alonso, os Lapeña recordan que desde hai un ano teñen "o dereito xudicial recoñecido a exhumar o seu avó e tío avó, fusilados e secuestrados no Val dos Caídos", sen que a día de hoxe "ningún ente público, administrativo ou xudicial nin persoa física algunha" procederan a darlle cumprimento a aquela resolución.

Texto da denuncia ante a ONU
Texto da denuncia ante a ONU - DX

O propósito da denuncia é obter "un fallo humanitario que faga cumprir ao goberno español" coa sentenza que lles autoriza ao desenterramento, e poder así "liberar" os seus familiares "dun monumento no que o asasino preside aos asasinados".

A familia aporta coa denuncia un informe fotográfico coñecido o pasado 14 de maio sobre o interior da cripta do Val dos Caídos, onde se observa que é viable a exhumación dos restos cadavéricos que alberga.

Os Lapeña engaden que as fotografías, datadas o 6 de mayo de 2010, demostran "a falta de sensibilidade do gobierno español coas familias que pretenden exhumar", e recordan que nos últimos cinco anos o caso dos irmáns Lapeña foi visto, sucesivamente, polo Xulgado de Instrución de San Lorenzo de El Escorial, a Audiencia Provincial de Madrid, o Tribunal Constitucional, o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, o Xulgado de Primeira Instancia nº 2 de San Lorenzo de El Escorial e o Xulgado Central nº 5.