Xoves, 19 Xaneiro 2017 12:14

Mediadores galegos ofrecen os seus servizos en seis cidades para conmemorar o Día Europeo da Mediación

Valora este artigo
(3 votos)

Un grupo de mediadores galegos celebrará o Día Europeo da Mediación cunha campaña informativa que se desenvolverá simultaneamente nas principais cidades de Galicia o vindeiro venres, día 20 de xaneiro.

Con motivo da celebración do Día Europeo da Mediación, que se conmemora o día 21 de xaneiro, un grupo de mediadores galegos realizará o vindeiro venres, día 20 de xaneiro, unha campaña informativa para dar a coñecer á cidadanía as vantaxes dos servizos de mediación.

A campaña consistirá na instalación de mesas informativas nos Xulgados de Lugo, A Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Ferrol e Pontevedra nas que se proporcionará información e asesoramento a todos os cidadáns que o desexen. 

As mesas informativas, nas que os mediadores participantes distribuirán trípticos editados polo Consello Xeral do Poder Xudicial, instalaranse de 10.30 a 13.30 horas. No caso de Lugo, a mesa informativa estará situada no vestíbulo do edificio de Xulgados entre as 11.30 e as 13.30 horas.

Segundo explica a avogada e mediadora María Álvarez Real, a mediación "é un procedemento voluntario, áxil e flexible no que se tenta que as partes enfrontadas nun conflito alcancen un acordo satisfactorio para ambas, evitando así acudir á vía xudicial". 

Este procedemento "baséase no diálogo" e require dun mediador, "un profesional imparcial e neutral, formado e debidamente acreditado que axuda a solucionar conflitos en asuntos familiares, penais, civís, mercantís, laborais e en materia contencioso-administrativa". 

Entre outras vantaxes, a mediación diminúe o custo emocional, temporal e económico na resolución de conflitos, "ademais de axudar a pacificar a relación entre as persoas implicadas neles", precisa a mediadora.

 

 

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top