Venres, 03 Xuño 2016 01:40

Os avogados prevén unha avalancha de impugnacións e recursos contra as causas declaradas complexas

Valora este artigo
(1 Voto)

Alertan sobre as "falsas declaracións de complexidade" que se poidan ditar sobre procedementos que no foron revisados ou que levaban meses sen instruírse

O 6 de xuño non é o Día D da Lei de Axuizamento Criminal (Lecrim). O serán o día 7, e o 8, e todos os que veñan despois. Así o ven os avogados, que auguran unha ondada de alegacións, impugnacións e recursos contra as solicitudes de prórroga cursadas polos fiscais ou as declaracións de complexidade ditadas polos xuíces de instrución.

Por detrás do soado enfrontamento entre fiscais e letrados xudiciais, as queixas dalgunhas asociacións de xuíces e as intervencións ministeriais, os avogados permaneceron invisibles, a pesar de verse directamente afectados (e en especial, os seus representados) pola reforma lexislativa que entrou en vigor o 6 de decembro de 2015.

E é que os avogados son tamén parte esencial do proceso penal, e as consecuencias da clasificación dunha causa como sinxela ou complexa, cunha instrución de seis meses ou prorrogable noutros 18 nun ou noutro caso, son vitais para os seus clientes: para os investigados pode supoñer a súa condena ou liberdade; para quen exerce a acusación particular, moitos menos en número, a reparación penal do dano sufrido.

O presidente do Consello da Avogacía Galega e decano do colexio compostelán, Evaristo Nogueira, prognostica "unha avalancha de alegacións" por parte das defensas unha vez se coñezan as causas para as que os fiscais solicitaron prórroga, que será nos días posteriores ao 6 de xuño.

Logo será o xuíz, tras oír os argumentos de fiscais e defensas, quen decida se declara a complexidade da causa, e con ela a prórroga da instrución. Pero o auto xudicial que o determine, apunta o letrado, "pode ser recorrido en reforma ante o propio xuíz instrutor ou directamente en apelación ante a Audiencia Provincial".

O controvertido artigo 324 da Lecrim, que establece os prazos de instrución, "só di que contra o auto que desestima a solicitude de prórroga non caberá recurso, o que equivale a dicir que si é posible formulalo contra o auto que a estima", precisa.

E, neste punto, Nogueira quéixase dos "baleiros e ambigüidades" da reforma lexislativa, carente, por nova, dunha "interpretación xurisprudencial" que harmonice a súa aplicación nos próximos meses.

Circunstancias sobrevidas?

O representante dos avogados galegos pon o dedo na chaga sobre dúas cuestións. Por unha banda, nas prórrogas que se soliciten de modo xenérico, como pretende a Fiscalía Xeral para todas aquelas que antes do sábado (a petición hai que facela con tres días de antelación sobre o prazo máximo que vence o 6 de xuño) non puidesen revisarse.

Na súa opinión, "as circunstancias sobrevidas das que fala a lei para xustificar unha prórroga por complexidade", non poden esgrimirse "por que non dese tempo a revisar unha causa".

Niso coincide o avogado Daniel Amelang, membro da comisión de dereito penal da Asociación Libre de Avogadas e Avogados (ALA) e socio do despacho madrileño Red Jurídica. "Non podemos consentir que se a lei di circunstancias sobrevidas, se entenda como tal unha circunstancia que tiña que preverse cando se aprobou", sostén en alusión á falta de tempo para revisar o medio millón longo de causas pendentes en decembro.

A outra cuestión refírese ás causas abandonadas, aquelas que levan meses sen que se practicase dilixencia algunha de instrución.

"Desde logo, ningún avogado vai permitir que se pida unha prórroga por inacción, para unha causa sobre a que non se actuou, malia solicitarse reiteradas veces, ata nun ano ou máis", advirte Nogueira.

Amelang, nesa mesma liña, alerta sobre "as falsas declaracións de complexidade" e anima aos seus colegas a opoñerse e impugnalas.

O letrado pon o acento en poderosas razóns de humanidade e xustiza: "é inxusto para os nosos representados; eles queren que o seu caso se resolva axiña, para ben ou para mal, porque necesitan saber que lles vai pasar, están ansiosos por saber cal vai ser o seu proxecto de vida, se van seguir no seu posto de traballo ou o van perder porque van ser condenados".

Resultado: máis atasco

O penalista coruñés Joaquín de la Vega afirma que os avogados contemplan o que vén ocorrendo estes días "con inquietude e perplexidade".

Non entende como se chegou a este extremo de enfrontamento entre colectivos xudiciais e, sobre todo, "por que non se parou a tempo esta reforma, suspendendo polo menos a aplicación do artigo 324". A este respecto, acusa ao Consello Xeral do Poder Xudicial e á Fiscalía Xeral do Estado, "que sabían que isto ía ocorrer", de manter un silencio cómplice "ata hai 15 días, cando todo botóuselles enriba".

De la Vega tamén prevé un gran número de alegacións e recursos contra a declaración de complexidade, e teme, do mesmo xeito que Nogueira e Amelang, que unha reforma que naceu para facer máis áxil o sistema xudicial acabe volvéndoo aínda máis lento, con atascos sucesivos nos xulgados de instrución e as Audiencias provinciais.

O veredicto dos tres avogados parece inapelable: non se pode facer unha lei "sen dotala de medios para aplicala". E iso, téñeno claro, significa investimento, e non recortes.  

O Día D non é o 6 de xuño, serán os días seguintes, co seu rosario de oposicións e recursos. E novos prazos finais para as causas incoadas o 7, o 8, o 9 de decembro...

 

 

(O art. 324 pódese consultar no arquivo adxunto)

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top