Venres, 24 Marzo 2017 17:38

O concelleiro de Culturas de A Coruña, investigado por un cartel de entroido co debuxo dunha persoa disfrazada de papa

Valora este artigo
(1 Voto)

Sande afirma que o goberno local defende a liberdade de expresión e nega que pretendese ofender os sentimentos relixiosos

A titular do xulgado de instrución número 3 da Coruña, Margarita de Ron Cambón, cita ao concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, a declarar en calidade de investigado tras a denuncia presentada o pasado 18 de febreiro pola presidenta da Asociación de Viúvas de Lugo, Aurora Carro, por considerar que o deseño dun dos carteis cos que se publicitaron as festas do Entroido 2017, no que aparece a caricatura dun papa, ofende "sentimentos relixiosos". 

José Manuel Sande, na presentación das actividades do Entroido 2017 / Concello de A Coruña
Sande, na presentación do Entroido / Concello da Coruña

José Manuel Sande manifestou nunha nota de prensa que o procedemento habitual cando existe unha denuncia, como é o caso, é que o xulgado de instrución abra unha investigación e chame a comparecer ás persoas aludidas".

"Dende o Goberno local temos absoluta tranquilidade xa que non houbo ningunha vontade de ofensa cun cartel que reproduce un disfrace habitual no Entroido coruñés dentro do carácter irreverente e lúdico que caracteriza esta festa", indicou o edil, que insiste, no obstante, "na absoluta vontade de colaboración coa Xustiza en calquera tipo de cuestión".

O responsable municipal, como xa fixo no seu momento, volveu a recalcar este venres "a defensa que dende este Goberno local se fai e sempre se fará da liberdade de expresión, o que inclúe por suposto as expresións culturais e as manifestacións artísticas, como é o caso deste cartel de Entroido".

"As festas do Entroido -recordou-, que durante un período moi concreto e escuro da historia do Estado español foron prohibidas, sempre se caracterizaron polo seu humor e por un espírito de irreverencia e crítica de determinados poderes, sempre dun xeito saudable, que non debería faltar".

"Cremos que as imaxes en cuestión ás que alude a denuncia interposta non son ofensivas con ningunha crenza relixiosa, senón que entroncan cunha tradición festiva nesta terra e co humor gráfico", sinalou Sande, quen matizou ademais que o cartel "non representa á figura do papa católico, senón que se trata simplemente da representación dunha persoa ataviada cun dos disfraces clásicos do Entroido coruñés".

 

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top