Imprimir esta páxina
Sábado, 04 Xuño 2016 11:15

Os fiscais asumen a posible impugnación das prórrogas que se concedan na instrución de causas

Valora este artigo
(1 Voto)

Recoñecen que pedir a complexidade dos asuntos que non se puideron revisar "é unha moi mala solución", aínda que inevitable

Os fiscais son coñecedores do que pode ocorrer unha vez vencido o prazo de revisión imposto pola Lei de Axuizamento Criminal, cando aos avogados empecen a recibir as notificacións sobre as peticións de prórroga e, logo, cando os xuíces instrutores comecen a ditar autos de complexidade. Os letrados xa advirten de que impugnarán e recorrerán as "falsas declaracións de complexidade": as solicitadas sen chegar a ser revisadas e as que levan tempo sen ser instruídas.

A fiscal Pilar Fernández recoñece que clasificar causas como complexas sen lelas ou sen unha análise suficiente da súa situación procesual, tal como propuña a Fiscalía Xeral do Estado para aquelas que non dera tempo a revisar, pode suscitar recursos e impugnacións, pero asegura que a pesar da avalancha de expedientes destes días, na Fiscalía de Área de Santiago, á que pertence, "sacouse todo o traballo adiante estudando caso por caso".

De todos os xeitos, e aínda que asegura que os fiscais están a actuar co máximo rigor, ignora como se está vivindo esta situación noutras fiscalías. E, en todo caso, inscribe a resposta dos avogados na normalidade procesual.

"É que non só temos que revisar esas causas; temos tamén o noso traballo diario, vistas sinaladas ás que temos que ir...", e lembra que o feito de que se lles impuxese esta revisión masiva non supón que se paralizase todo o demais.

O fiscal Álvaro García Ortiz, presidente da Unión Progresista de Fiscais, en declaracións á Cadena Ser, advertía esta mesma semana de que a recomendación da Fiscalía Xeral de solicitar mediante un modelo único a complexidade das todas as causas que non se puideran revisar xa estaba previsto desde o mes de decembro, aínda que "dunha maneira case ata anecdótica; non pensamos nunca que tivéramos que chegar a ela".

Pero recoñece de que "é unha moi mala solución, non é unha boa mensaxe, non é un bo remedio xurídico, pero é inevitable. Puxéronnos ao límite".

Deste xeito, e para evitar o peche indesexable de moitas causas, aos fiscais non les quedou máis remedio que "seguir as instrucións da Fiscalía Xeral e facer o que a lei non pretendía". Víronse obrigados a revisar os expedientes "a unha velocidade que non é convinte" e que "non é eficaz para a xustiza nin, sobre todo, para os cidadáns". García Ortiz apunta tamén ás dificultades que poidan xurdir na interpretación da lei.

Desde A Coruña, o fiscal Juan Antonio Frago, recoñeceulle a DXustiza que "as impugnacións van ser outra das cuestións" que agromen a partir do 6 de xuño. "Calquera defensa minimamente dilixente irá pedindo o sobresemento día a día".

A visión de Frago sobre o que está a acontecer (e vai acontecer) coa reforma lexislativa exprésase máis prolixamente no seu blog, no que debuxa un panorama moi preocupante das eivas que afectan ao proceso de instrución dunha causa penal.

"Causas que levaban tres anos, literalmente falando, sen moverse un folio" e nas que "xamais pode pedirse a complexidade", casos de falta de dilixencia da policías xudiciais, xuíces de garda ou funcionarios, escasa colaboración coa Fiscalía...

Polo demais, o traballo está a piques de rematar en toda Galicia. Na Coruña notouse un considerable aumento de casos pendentes de revisión na última semana, e aínda que está todo practicamente pechado tívose que acudir ao procedemento da Fiscalía Xeral nun número de causas aínda por precisar, segundo informa o seu fiscal xefe, Javier Rey. En Pontevedra e Lugo Juan Carlos Aladro e Roberto Brezmes aseguran que o traballo está tamén preto de concluirse.