Luns, 06 Xuño 2016 23:25

A Audiencia ordena proseguir polo tribunal do xurado a instrución sobre malversación de caudais na Fundación Cela

Escrito por DXustiza
Valora este artigo
(2 votos)

Están investigados a viúva do Nobel, Marina Castaño, o xerente da entidad, o ex conselleiro da Xunta Dositeo Rodríguez e a súa filla, subdirectora da entidade

A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago, ratifica que será un xurado popular o que no seu día deberá determinar se houbo malversación de fondos públicos na Fundación Camilo José Cela, con sede en Padrón (A Coruña), por simular un despedimento polo que o xerente percibiu unha indemnización de 150.000 de fondos públicos.

Por este delito están a ser investigados a viúva do Nobel, Marina Castaño, o entón xerente da entidade, Tomás Cavanna, o ex conselleiro de Presidencia da Xunta e do Consello de Contas, Dositeo Rodríguez, que actuaba como patrón da Fundación cando ocurriron os feitos que indiciariamente se lles imputan, e unha filla de este, Covadonga Rodríguez, que daquela era subdirectora da entidade cultural.

A Audiencia rexeita os recursos dos investigados contra a instrución da causa polo procedemento do Tribunal do Xurado e sobre a súa propia cualidade de empregados públicos, á hora de determinar se, en realidade, se lles pode atribuír o delito de malversación típico destes e que a lei atribúe como competencia do xurado.

Vista da fachada da Fundación Camilo José Cela en Padrón
Fundación Camilo José Cela en Padrón                        DX

A sala, na que actuou como relator o maxistrado Alejandro Morán Llordén, explica que, no dereito penal, a consideración de empregado público ve máis aló que a que alcanza ao dereito administrativo, xa que non se refire á situación administrativa e laboral da persoa investigada, senón á súa relación cunha entidade pública.

O auto lembra que a xurisprudencia considera funcionario público a efectos penais "a todo o que por disposición inmediata da Lei, por elección, ou por nomeamento de autoridade competente participe no exercicio de funcións públicas".

A Fundación Cela foi rescatada pola Xunta en 2010 debido á súa precaria situación financeira e declarada Fundación Pública Galega en 2012, polo que percibía da Administración autonómica achegas que superaban o 50% dos seus fondos. Por tanto, quen para ela traballaban posúen a cualificación penal de empregados públicos nun sentido amplo, xa que coas súas accións supostamente delituosas afectaban o erario público.

Despido negociado á marxe da legalidade

En canto ao cesamento ou despedimento de Cavanna, a sala precisa que "os indicios racionais e a propia verosimilitude moven a considerar que, presuntivamente, non se tratou dun despedimento, senón dun cesamento máis ou menos voluntario, pois era o propio interesado quen pretendía abandonar o seu posto na Fundación".

Engade o maxistrado que "houbo unha negociación entre as partes para determinar o monto indemnizatorio", como indican de maneira "sumamente elocuente" os correos electrónicos intercambiados polos investigados.

En particular, refírese a un remitido por Castaño a Covadonga Rodríguez no que aquela lle di á subdirectora que "en todo o referente ao despedimento de Tomás Cavanna fágase como este e ela dispoñan, pois os servizos prestados á Fundación durante tantos anos fanlle merecedor dunha ilimitada xenerosidade".

Ese mesmo día, a propia Covadonga Rodríguez remite un correo ao seu pai Dositeo en cuxa postdata recóllese: "Tomás xa presentou as súas esixencias. 150.000 euros a 30/60/90/120 días sen discusión. Alucino!".

E a continuación o propio Dositeo Rodríguez escribe a Tomás Cavanna "expresándolle que el defendía persoalmente a indemnización de 150.000 euros". Segundo o ex conselleiro, o prexuízo de pagarlle a Cavanna unha indemnización 50.000 euros máis alta que o que percibía como salario bruto anual era "neutral para a Fundación; á fin e ao cabo esta non ía pagar nin un euro". "Pero racionalmente (e non digamos xa verosímilmente), non o foi para o erario público", argüe a Audiencia.

Para os xuíces "é claro" que os Rodríguez, xunto con Castaño e Cavanna, "mantiveron conversacións previas e realizaron xestións directamente tendentes a que frutificase a manobra hipoteticamente fraudulenta", á marxe, por tanto, do que establecería a lexislación laboral sobre indemnización por despedimento.

Peza separada por apropiación indebida

Si estima a sala o recurso de Marina Castaño e Tomás Cavanna sobre a súa imputación pola suposta apropiación do IVE correspondente a unhas obras realizadas na entidade padronesa. O auto explica que segundo o ditame pericial, "ese IVE recuperado son ingresos públicos que, dado que as subvencións teñen un carácter finalista, debía devolverse ás institucións que concederon esas subvencións e non retornar á Fundación".

A Audiencia considera que, ao producirse estes feitos con anterioridade a maio de 2010, cando a Fundación si era de titularidade privada, o delito polo que se lles investiga non pode ser cualificado como malversación de caudais públicos nin está en conexión con el e, por tanto, non pode ser axuizado polo tribunal do xurado.

En consecuencia, o auto ordénalle ao xulgado a apertura dunha peza separada por apropiación indebida contra Castaño e Cavanna por estes feitos concretos.

Por último, a sala desestima outro recurso da viúva de Cela no que solicitaba que se lle permitise probar que ela non obtivera ningunha ganancia patrimonial pola xestión da Fundación. O auto replícalle que o único obxectivo da instrución xudicial é determinar "se tomou parte nunha suposta malversación dos caudais públicos".

 

 

 

 

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top