Martes, 07 Xuño 2016 22:28

Xuíces, fiscais e letrados xudiciais progresistas alertan dun aumento nos tempos de tramitación das causas penais

Escrito por DXustiza
Valora este artigo
(3 votos)

Pídenlle ao futuro goberno a derrogación do artigo 324 da Lecrim que establece os prazos de instrución dos procedementos

Logo de semanas de enfrontamento e acusacións cruzadas, as asociacións progresistas de fiscais, xuíces e letrados da administración de Xustiza volven a encontrarse nun comunicado conxunto para alertar das graves consecuencias que podería orixinar nos próximos meses a aplicación do controvertido artigo 324 da Lei de Axuizamento Criminal (Lecrim), que establece os plazos máximos de instrucción das causas penais.

"É posible que aumenten a perda de cualidade do sistema, as dificultades da investigación e o número de recursos en instrución e, por tanto, o tempo de tramitación dos procesos", advirten a Unión Progresista de Fiscais, Xuíces para a Democracia e o Sindicato de Letrados, que lle piden ao futuro goberno que se forme tras as eleccións xerais a derrogación do citado artigo.

A modo de balance destes 6 meses transcorridos desde a entrada en vigor da reforma lexislativa as asociacións salientan uhna vez máis as "deficiencias da súa redacción, a falta de encaixe sistemático no noso sistema procesual e a ausencia dun criterio único na súa interpretación", que levaron ao límite aos xulgados de instrución e ás fiscalías neste período.

Tras revisar os fiscais alomenos 302.000 causas, para clasificalas en sinxelas _cun prazo máximo de seis meses de instrución_ ou complexas _prorrogables por outros 18 meses_, as asociacións progresistas consideran que ese "non é o camiño" para axilizar a xustiza, e aseguran que nos próximos meses poderá comprobarse "como o risco xerado pola entrada en vigor da lei non se compensa coa escasa bagaxe obtida, que basicamente vai consistir no arquivo de causas que estaban xa sen actividade nos xulgados".

As entidades asinantes lamentan a imaxe da xustiza que esta situación poida proxectar cara os cidadáns, e afirman que os letrados xudiciais, os fiscais, os xuíces e o resto dos funcionarios "son a garantía profesional de que, traballando en común e evitando estériles enfrontamentos aos que indirectamente nos conduciu esta reforma, velaremos en conciencia polos intereses de todos", conclúe a nota conxunta.

 

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top