Imprimir esta páxina
Martes, 21 Xuño 2016 02:42

De Lara ordena investigar se un ex edil do PP compostelán mediou para conseguirlle obras públicas á empresa Unika

Escrito por DXustiza
Valora este artigo
(2 votos)

A xuíza pretende esclarecer adxudicacións outorgadas por administracións e organismos de Galicia e a Comunidade madrileña

A titular do xulgado de Instrución número 1 de Lugo, Pilar de Lara, incoou dilixencias previas para que se investigue se Ángel Espadas, ex concelleiro do PP de Santiago e xefe de gabinete do ex alcalde compostelán Gerardo Conde Roa, cometeu delitos de tráfico de influencias como suposto mediador na adxudicación de obras públicas á empresa Unika.

Espadas figura como investigado por circunstancias parecidas referidas a contratos coas empresas Vendex e Aquagest, dentro da suposta trama de adxudicacións irregulares en varios concellos galegos investigada por De Lara no marco da operación Pokémon

Nun auto datado o 15 de xuño ao que tivo acceso DXustiza, a xuíza lembra que o pasado 16 de maio ordenou a Vixilancia Aduaneira (SVA) investigar todas as adxudicacións a Unika e a relación de cada unha delas coas conversas telefónicas interceptadas entre Espadas e o administrador da empresa. Delas inferíase que o empresario "usaría os servizos de Anxo Espadas como conseguidor para tratar de obter contratos e adxudicacións".

A maxistrada facía extensiva as pescudas ás obras concedidas a Unika en vinculación con outras empresas, especialmente con OHL.

O auto xudicial explica que un novo informe do SVA, baseado en datos da Axencia Tributaria, da páxina web de Unika e en información publicada en prensa, precisa que a empresa obtivo adxudicacións da compañía pública Tragsa, os concellos de Santiago, Vigo, Padrón, Val do Dubra, Palas de Rei, A Laracha, A Estrada e Sada, de corporacións locais madrileñas, da Comunidad de Madrid, a Xunta, a Deputación de Pontevedra, a Axencia Galega de Infraestruturas, Paradores de Turismo de España SA e a Xefatura Central de Tráfico.

Ademais, puidéronse verificar relacións empresariais entre Unika e a UTE formada por esta, Proxectos e Obras SA e Byco SA. E constatouse así mesmo a existencia de facturación do grupo empresarial vasco Inbisa con Unika.

Vixilancia Aduaneira tamén identifica a unha persoa que recibía retribucións de OHL e Asfaltos y Construcciones, e a outra que "recibiu emolumentos da empresa Unika sendo concelleiro electo nas listas do Partido Popular de San Fernando de Henares".

No seu auto, De Lara sinala que os feitos, "que obviamente haberán de corroborarse" mediante a revisión de todas as adxudicacións e o seu cotexo coas conversacións intervidas, "poderían ser constitutivos de varios presuntos delitos de tráfico de influencias sen prexuízo de ulteriores cualificacións xurídicas, nos que participaría Ángel Espadas, coa finalidade de conseguir contratos para a empresa Unika".

O primeiro informe de Vixilancia Aduaneira incluía decenas de conversacións telefónicas entre Espadas e o administrador de Unika nas que mencionaban reunións e xestións realizadas durante o ano 2012, entre outras persoas, con altos cargos e membros da Xunta como o vicepresidente Alfonso Rueda e o entón conselleiro Agustín Hernández.

Queda agora por determinar o órgano xudicial competente para a instrución desta nova causa, dado que afecta a presuntas actuacións ilícitas cometidas en distintos territorios, fundamentalmente en Galicia e Madrid.