Martes, 21 Xuño 2016 12:23

O Supremo determina que a incomparecencia do procurador no xuízo non pode causar indefensión ao litigante

Escrito por DXustiza
Valora este artigo
(0 votos)

Anula dúas sentenzas e ordena repetir unha vista oral na que a xuíza non escoitou ao demandante por ausencia do seu representante legal

O Tribunal Supremo anulou unha sentenza de instancia e a da audiencia provincial que a ratificou, e ordena repetir o xuízo por considerar que a incomparecencia do procurador e a decisión adoptada nese caso pola xuíza causou indefensión aos demandantes.

A infracción procesual que recoñece agora a Sala Primeira refírese ao momento do xuízo no que, estando as partes presentes e asistidas do seu avogado, non compareceu a procuradora dos demandantes por causas que eles ignoraban.

Ante esta circunstancia, a xuíz de primeira instancia deu por incomparecidos aos demandantes e accedeu unicamente a que se practicase a proba documental proposta pola parte demandada e non a que fora admitida a proposta daqueles, aos que non deixou intervir. Finalmente, ditou sentenza desestimando a demanda sen imposición de costas.

Os demandantes recorreron ante a Audiencia Provincial de Alacante solicitanto a celebración de novo xuízo con citación das partes e a práctica das probas que foran admitidas na audiencia previa ante o xulgado.

Pero a audiencia provincial ditou sentenza na que, entrando a coñecer o fondo do recurso, confirmou a sentenza de primeira instancia e impuxo costas aos apelantes.

A sentenza do Supremo, da que é relator o maxistrado Antonio Salgas Carceller, lembra que o artigo 432 da Lei de Axuizamento Civil é clara ao requirir a presenza de procurador e letrado para que a comparecencia da parte no xuízo poida entenderse correctamente efectuada.

Con todo, o maxistrado relator entende que ante unha situación como a que se deu neste caso, no que os demandantes e o seu avogado descoñecían a causa pola que non comparecera a procuradora e non era posible localizala, "a decisión adoptada pola juzgadora de primeira instancia resulta desproporcionada e contraria aos dereitos constitucionais de tutela xudicial e defensa en xuízo".

A resolución engade que a inasistencia do procurador ao xuízo, cando lle consta o sinalamento e non alega causa xustificada para iso, pode comportar o incumprimento de deberes profesionais de carácter estatutario e das obrigacións propias do poder de representación que lle outorga o cliente, coas consecuencias disciplinarias correspondentes, "pero non ha de supoñer a privación ao litigante de toda posibilidade de defensa en xuízo cando el mesmo está presente e asistido tecnicamente por avogado".

Conclúe a sentenza sinalando que, en todo caso, se o tribunal considera imprescindible dita presenza, sempre pode instar a parte a que substitúa ao seu procurador por outro, como permite o artigo 29 do Estatuto Xeral dos Procuradores dos Tribunais de España, e mesmo sen necesidade de apoderamiento previo, como prevé o artigo 543.4 Lei Orgánica do Poder Xudicial. 

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top