Venres, 08 Xullo 2016 01:12

Os fiscais progresistas instan a investigar as gravacións entre o ministro de Interior e o ex xefe da oficina catalá antifraude

Escrito por DXustiza
Valora este artigo
(2 votos)

Piden depurar responsabilidades polo contido das conversas, que reflicten a intención de difundir supostas condutas corruptas de líderes independentistas  

A Unión Progresista de Fiscais (UPF) fixo onte público un comunicado no que reclaman que "por parte da Fiscalía Xeral do Estado e, no seu caso, polos órganos xudiciais se esclareza a orixe e circunstancias en que se produciron as gravacións" das conversacións que en outubro de 2004 mantiveron o ministro de Interior, Jorge Fernández, e o entón director da Oficina Antifraude de Cataluña, Daniel de Alfonso, difundidas o pasado mes de xuño polo diario Público.

A UPF insta á Fiscalía a valorar tamén "o propio contido das conversacións depurando as responsabilidades a que houber lugar", en alusión á conivencia entre Fernández e De Alfonso para difundir supostas condutas corruptas de líderes independentistas cataláns, co obxectivo de debilitar a súa acción soberanista. De Alfonso foi destituído polo Parlament de Cataluña o pasado día 29.

Os fiscais progresistas sinalan que o contido das conversacións "unido á relevancia institucional de quen as mantivo causa perplexidade e unha fonda preocupación", porque reflicten "un inaceptable ataque ao principio de separación de poderes, unha reprobable utilización das institucións con fins políticos e unha afastamento do principio de obxectividade que debe guiar a actuación dos responsables públicos".

Fronte á intención do ministro e do entón responsable catalán antifraude de utilizar á Fiscalía para conseguir o seu propósito de desacreditar aos dirixentes soberanistas, a UPF expresa a súa "certeza de que os fiscais que interviñeron nos casos aos que se alude nas conversacións actuaron e resolveron con obxectividade, profesionalidade e suxeición aos principios de legalidade e imparcialidade".

Aduce como proba os arquivos acordados polos fiscais neses asuntos. "Nas Fiscalías non se afina nada _di a nota empregando as propias palabras do ministro_, senón que, de acordo cos principios constitucionais consagrados no artigo 124 da Constitución, exércense con profesionalidade as funcións que a lei encomenda ao Ministerio Fiscal".

 

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top