Venres, 08 Xullo 2016 14:02

O Tribunal Supremo considera que entrar como concursante en Gran Hermano non elimina a protección da dignidade persoal

Escrito por DXustiza
Valora este artigo
(5 votos)

Condena á produtora Mediaset a indemnizar en 30.000 euros a unha participante polos comentarios sobre ela vertidos por internet e televisión

A Sala Primeira do Tribunal Supremo considera que "polo mero feito de entrar" como participante en Gran Hermano, os concursantes "non han de perder a protección constitucional da súa dignidade persoal" e, en consecuencia, condenou a Mediaset a pagar unha indemnización de 30.000 euros á exconcursante de Gran Hermano Mercedes García por intromisión ilexítima nos seus dereitos á honra e á propia imaxe.

O Supremo revoga a decisión da Audiencia Provincial de Salamanca e dun Xulgado de Primeira Instancia desa cidade, que absolveran á cadea, e no seu lugar sanciona as referencias realizadas sobre a concursante tanto en programas como na páxina web de Telecinco unha vez que aquela abandonara a casa do concurso e rompera a súa relación contractual coa produtora.

Tal como lembra a sentenza, Mercerdes García participou no ano 2004 no programa televisivo Gran Hermano VI, no que permaneceu aproximadamente dúas horas, pois unha vez na casa onde se desenvolve o programa descubriu que a produtora decidira que participasen tamén como concursantes Salva -co cal a demandante mantivera unha relación afectiva- e Jany, que fora noiva de Salva, antes de que este mantivese relación coa demandante.

Cando descubriu a trama ideada pola produtora, a concursante solicitou saír da casa inmediatamente, dar por concluída a súa participación no programa e resolver toda relación coa produtora, que así o aceptou.

Na súa demanda, Mercedes García consideraba que Telecinco atentara contra a súa honra e intimidade polas referencias á súa persoa, unha vez rota a súa relación contractual, realizadas tanto na páxina web da cadea como no programa La Noria, en 2008 e 2009.

Nelas referíanse ao "trío" ou "triángulo amoroso" conformado por Salva, Jany e Mercedes, a pesar de que a demandante só mantivera unha relación sentimental con Salvador, non coñecía a Jany e era totalmente allea ao encontro dentro da casa planificado pola produtora.

Ademais, divulgáronse de novo as imaxes da súa entrada na casa, e, na web tamén se falou de que ela fora polos estudios de televisión falando da súa "tortuosa relación".

Espectáculo sen interese xeral

A sentenza, da que foi relator o maxistrado Antonio Salas Carceller, indica que "non se discute que a demandante se negou a aceptar a situación creada pola produtora en orde a xerar unha situación dentro do programa GH favorable aos seus intereses comerciais á marxe dos dereitos da afectada que, en forma algunha, aceptou participar no que seguramente constituiría un espectáculo propicio para determinado público pero que, desde logo, pode afirmarse que carece de interese xeral protexible e podería ser vulnerador dos dereitos dos implicados, que polo mero feito de entrar no devandito programa non han de perder a protección constitucional da súa dignidade persoal".

"Desde o momento -engade o Supremo- en que a demandante opta por resolver o contrato celebrado coa produtora, renunciando ao beneficio de ser elixida para participar no programa, e tal resolución é aceptada pola produtora, non existe prestación algunha a cargo da demandante nin abandono de tales dereitos pola interesada a efectos de que se poida utilizar o seu nome e a súa imaxe captada na entrada no programa".

A resolución xudicial considera que coa difusión desas imaxes e o uso do nome da concursante afectouse "ilegítimamente" á súa intimidade "en tanto que se utiliza unha relación amorosa recoñecida pola demandante para insistir en circunstancias persoais que só a ela lle afectan e que en absoluto poden poñerse a disposición do público polo mero feito de que nun momento dado asinase un contrato que, posteriormente, como se repetiu, quedou sen efecto algún".

Por iso é polo que o alto tribunal aprecia unha intromisión ilexítima -non xustificada- que fundamentalmente afecta a honra e á intimidade da demandante. Entende que a indemnización adecuada é de 30.000 euros (a ex concursante solicitaba 75.000), en atención ao alcance e difusión das expresións que se denuncian, e condena ademais a Mediaset a darlle publicidade á sentenza do Supremo nun dos espazos de Telecinco que sexa equivalente en audiencia a aqueles en que se realizaron os expresados comentarios.

 

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top