Xoves, 28 Xullo 2016 20:15

Absolta a alcaldesa de Viveiro e 4 concelleiros e ex edís do delito de prevaricación continuada polo que foran xulgados en xuño

Valora este artigo
(3 votos)

O fiscal pedira para eles penas de entre 15 meses de multa e ano e medio de cárcere e inhabilitación para o exercicio de cargo público

A Audiencia Provincial de Lugo absolveu á alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, a catro concelleiros e ex concelleiros do PSOE e o BNG e a un técnico municipal do delito de prevaricación urbanística continuada do que foron xulgados pola concesión de 13 licenzas de obra pola vía do silencio administrativo positivo.

Os feitos, que foron axuizados na vista oral celebrada o pasado 7 de xuño na sección segunda da Audiencia, remóntanse ao período entre 2006 e 2009, cando as xuntas de goberno presididas polo entón alcalde socialista Melchor Roel, xa falecido, aprobaron as citadas licenzas.

A Fiscalía solicitaba para os acusados penas de entre 15 meses de multa e ano e medio de cárcere e de inhabilitación para o exercicio de cargo público e para o sufraxio pasivo.

A Sala entende que "do contido dos feitos declarados probados, e dos elementos de proba e demais dilixencias de investigación levadas a cabo na fase de instrución, así como da proba practicada no acto de xuízo, non quedaron acreditados os feitos que eran obxecto de acusación nin, en consecuencia, a responsabilidade que o escrito de acusación viña atribuíndo aos acusados".

Con respecto aos membros da xunta de goberno axuizados, a sentenza sinala que "é evidente que non concorre o necesario requisito de levar a cabo a decisión a propósito da súa inxustiza".

A sentenza subliña que os feitos e situacións sometidos a xuízo "resultaban dunha complexidade indiscutible e que viñan sendo obxecto de discusión e ata polémica xurídica á vista da evolución das liñas doctrinales e jurisprudenciales seguidas".

A este respecto, o fallo xudicial precisa que os acusados tomaron as súas decisións "requirindo a opinión e os informes técnico-xurídicos, polo que non pode incardinarse a súa conduta na infracción pretendida (prevista nos artigos 320 do Código penal), pois é evidente que non concorre o necesario requisito de levar a cabo a decisión a propósito da súa inxustiza".

Este aspecto é aínda máis relevante se se ten en conta que todos eles carecían de coñecementos de dereito, fóra da actual alcaldesa, que aínda sendo licenciada en dereito carecía dos "mínimos coñecementos dentro do ámbito administrativo e de urbanismo, que lle permitise a adopción de decisións de modo autónomo, debendo guiarse todo eles, pola opinión e informes de persoas coñecedoras a tratar", engade a Sala.

A denuncia foi presentada no seu día polo PP local presidido polo ex alcalde César Aja. Agora, a Fiscalía e a acusación particular dispoñen de cinco días para formular recurso de casación ante o Tribunal Supremo.

 

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top