Venres, 29 Xullo 2016 19:41

O Constitucional anula por excesivas as taxas xudiciais que se aplicaban a pequenas e medianas empresas

Valora este artigo
(3 votos)

Sostén que "o pagamento dun tributo non pode obstaculizar o exercizo do dereito fundamental" á tutela xudicial efectiva

Tiveron que pasar case 4 anos de constantes protestas e indefensión cidadá, pero o Tribunal Constitucional (TC) acaba de anular por unanimidade as disposicións da lei 10/2012 de Taxas Xudiciais, impulsada polo entón ministro de Xustiza Alberto Ruiz-Gallardón, que continuaban gravando o acceso á xustiza ás pequenas e medianas empresas.

O TC considera que ditas taxas son excesivas e vulneran o dereito fundamental á tutela xudicial efectiva garantido polo artigo 24.1 da Constitución, tras estimar parcialmente un recurso de inconstitucionalidade formulado en febreiro de 2013 polo grupo socialista no Congreso dos Deputados.

En febreiro de 2015 foi o propio Goberno, con Rafael Catalá xa á fronte do Ministerio, quen tivo que encartarse á presión social e de todos os operadores xurídicos e eliminar as taxas que obstaculizaban ou impedían directamente o acceso dos cidadáns á administración de Xustiza. Pero ata hoxe mesmo, Catalá seguiu defendendo a constitucionalidade dese gravame sobre as pequenas e medianas empresas.

Tribunal Constitucional
Tribunal Constitucional

Segundo a sentenza do TC, "a conculcación constitucional deriva propiamente non do mero feito da imposición da taxa, senón do eventual carácter excesivo da súa contía, vinculada ao valor económico do litixio". Deste xeito, considera que a contía das taxas, tanto a cota fixa como a variable, "resultan desproporcionadas e, tal e como alegaban os demandantes, poden producir un efecto disuasorio nos cidadáns á hora de acudir aos Tribunais de Xustiza".

Sen efecto sobre os abusos

Aínda que o Tribunal non nega a idoneidade dun dos fins perseguidos pola imposición deste gravame, que era o de acabar cos recursos abusivos, subliña que ao tratarse dun sistema de taxas "no que todos pagan o mesmo, o seu obxectivo de previr ou disuadir da interposición de recursos abusivos dilúese para todo aquel que dispón de medios económicos suficientes", pero prexudica a quen "exercita correctamente o seu dereito para recorrer, que se ve obrigado a pagar unha taxa coa que se pretende erradicar un comportamento que lle é alleo".

O TC lembra que xa existía unha medida disuasoria para impedir os recursos abusivos, como é o depósito dunha cantidade previa á práctica de determinadas accións xudiciais, de modo que a imposición da taxa "non é idónea porque non cumpre co seu obxectivo e porque non existen razóns obxectivas que xustifiquen unha nova medida disuasoria por unha suposta falta de eficacia dos depósitos".

A resolución do Constitucional móstrase contundente á hora de concluír que "no noso Estado social e democrático de Dereito, o cal propugna entre outros valores superiores do seu ordenamento xurídico a xustiza e a igualdade, o pago dun tributo non pode obstaculizar o exercicio dun dereito fundamental".

Por último, o Tribunal aclara que a declaración de nulidade das taxas só producirá efectos "en relación con novos supostos ou cos procedementos onde non recaese unha resolución firme", de modo que non inclúe a devolución das cantidades pagadas en relación coas taxas declaradas nulas nin nos procedementos concluídos por resolución firme nin naqueles nos que o se pagou a taxa sen que fose impugnada por vulneración do art. 24.1 CE.

 

Adxúntase sentenza íntegra

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top