Mércores, 18 Mai 2016 12:03

Os fiscais progresistas advirten de que moitas causas penais poderían pecharse en falso e quedar arquivadas o 6 de xuño

Valora este artigo
(0 votos)

Aseguran que non poderán revisar todos os procedementos pendentes antes desa data - A UPF denuncia a falta de medios persoais e informáticos 

Un número indeterminado de causas penais, precisamente as de maior complexidade e gravidade, poderían pecharse en falso e mesmo verse abocadas ao arquivo, porque será imposible revisalas todas antes do 6 de xuño, data que pon de prazo o artigo 324 da Lei de Axuizamento Criminal (LeCrim) tras a súa entrada en vigor o pasado mes de decembro. Así o denunciou onte a Unión Progresista de Fiscais (UPF), que advirte categoricamente: "non chegamos nin imos chegar, debemos prepararnos para anticiparlle á sociedade, aos xulgados e a nós mesmos que, pese ao encomiable esforzo realizado, non poderemos cumprir o obxectivo pretendido".

"Non será posible _insisten_ revisar todos os procedementos en trámite e, por tanto, asegurar un control efectivo de todas e cada unha das causas, polo que inevitablemente haberá que afrontar en cada un destes casos as consecuencias procesuais que procedan", como a posibilidade de que non se complete a instrucción. A Lei limita o prazo de instrución a seis meses, prorrogables como mínimo por outros 18. Pero esa prórroga tena que solicitar o fiscal tras revisar a causa correspondente, e son máis de 600.000 as que teñen que estudarse antes do día 6. 

Falta de persoal

O Consello Fiscal, o órgano de representación dos fiscais, comezou esta mesma mañá a súa deliberación, que inclúe na orde do día a revisión do estado de cumprimento do art. 324, e onde a UPF poñerá sobre a mesa o contido do seu escrito. Nel detállanse as crecentes dificultades ás que se teñen que enfrontar todos os fiscais desde o pasado mes de decembro e as graves repercusións que traerá consigo a imposibilidade de cumprir cos prazos legais. 

A asociación progresista critica os reforzos con "persoal interino en moitas ocasións profano nas funcións diarias dun fiscal" e a "lamentable escaseza de fiscais substitutos", unha situación que se ve agravada pola "nula colaboración recibida dos letrados da administración de xustiza" (antes denominados secretarios xudiciais). Describen unha "delicada situación" con estes funcionarios, que contemplan aos fiscais "como unha parte allea ao funcionamento da administración de xustiza e non se nos fai partícipes -pero si responsables- da tramitación e control dos procedementos", sinalan.

Os fiscais apuntan tamén á falta de colaboración de moitos xulgados de instrución e denuncian as "precarias condicións" en que asumen a tarefa de controlar os prazos, "acudindo fisicamente ás oficinas xudiciais e mendigando -literalmente- que os funcionarios nos faciliten os seus expedientes" para poder levala a cabo.

Precariedade de medios materiais

As carencias tecnolóxicas centran tamén as denuncias da UPF, para quen as ferramentas informáticas dispoñibles non lles permiten "coñecer con exactitude o estado de todos os procedementos" nin o número dos que están en trámite, xa que, dependendo das fontes de datos a cantidade para revisar "variaba ata nun arco de 200.000 causas".

A este respecto, a UPF proclama non só "o absoluto fracaso da aplicación Fortuny como sistema de rexistro da Fiscalía", senón que engade que nin sequera as cifras do Consello Xeral do Poder Xudicial ou dos puntos neutros xudiciais "son fiables para poder coñecer a realidade". A esta penuria tecnolóxica súmase, na súa opinión, a implantación de Lexnet, un sistema de tramitación e notificación en rede que pretende cumprir co proxecto ministerial de papel cero, e que "trouxo de cabeza aos propios fiscais xefes e ás oficinas, complicando así a xestión" dos asuntos.

 

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top