Martes, 30 Mai 2017 20:51

As asociacións de fiscais esixen explicacións a Moix pola súa participación nunha empresa radicada nun 'paraíso' panameño

Valora este artigo
(2 votos)

A Unión Progresista reclama o cesamento dun fiscal "permanentemente cuestionado, e cuxa conduta persoal dista moito de ser exemplarizante"

As revelacións de Infolibre sobre a participación do fiscal xefe Anicorrupción, Manuel Moix, nunha empresa radicada no paraíso fiscal de Panamá conseguiron unha resposta unánime das tres asociacións maioritarias de fiscais. Tras ser reprobado o pasado día 16 polo Congreso, xunto co ministro de Xustiza, Rafael Catalá, e o fiscal xeral do Estado, José Manuel Maza, os seus compañeiros de carreira esíxenlle agora a Moix unha explicación sobre os seus intereses financeiros.

A citada información precisa que Moix posúe desde 2012 una participación no 25% de sociedade panameña Duchesse Financial Overseas, constituida naquel país en 1988, herdada da súa familia e que ten ao seu nome un chalé de luxo en Collado Villalba (Madrid).

Segundo o diario que destapou a relación do fiscal coa citada empresa, a tesoureira desa sociedade é unha muller de palla de 93 anos que figura en máis de 17.000 sociedades.

Manuel Moix
Manuel Moix - FXE

A conservadora Asociación de Fiscais (AF), que apoiou o nomeamento de Moix para o cargo e que pechou filas arredor del cando foi posto en cuestión pola súa actuación nos casos de corrupción Lezo e Tres por cento, cre agora que o fiscal xefe ten que ofrecer una xustificación sobre os seus negocios.

E na mesma liña se manifestou a Asociación Profesional e Independente de Fiscais (APIF), que xa pedira semanas atrás o cesamento de Moix e do fiscal xeral do Estado pola súa morna actitude durante a maior crise de credibilidade que sofre o Ministerio Fiscal nos últimos anos.

Pola súa banda, a Unión Progresista de Fiscais (UPF), emitiu hoxe un comunicado no que amosa "a súa enorme preocupación pola imaxe da Fiscalía Anticorrupción e da Carreira en xeral". A asociación teme que non vaia ter "ningunha consecuencia a noticia confirmada de que o Xefe da Fiscalía Anticorrupción ten participacións nunha empresa radicada nun paraíso fiscal e por tanto opaca para o control da administración española".

Para a UPF, "é momento de tomar decisións de natureza persoal, pois permanecer ou porfiar no erro é nocivo, e o dano que lle está facendo á institución non pode pasar inadvertido para quen está no imaxinario de todas as sospeitas".

Engaden que á fronte da Fiscalía Anticorrupción "non pode estar un fiscal permanentemente cuestionado, sempre no ollo do furacán e cuxa conduta persoal dista moito de ser ejemplarizante", razón pola cal consideran chegado o "tempo de mudanza" que lle permita ao Ministerio Público "resarcir minimamente o dano xa causado", recobrar "parte da credibilidade e o prestixio" da institución e retomar o camiño do traballo, a discreción, o servizo ao cidadán e a promoción da xustiza".

Sen motivos para irse 

Xa pola noite, nunha entrevista concedida ao programa Hora 25, da Cadena Ser, Manuel Moix afirmou que non ten intención de dimitir nin cre que haxa motivos para destituílo, posto que a súa participación nesa sociedade non é incompatible co seu cargo e di actuar conforme á legalidade ao non ocultar os seus bens e patrimonio.

 

 

 

 

 

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top