Xoves, 29 Xuño 2017 14:11

O Supremo confirma unha multa de 900.000 euros a Productores de Mexillón de Galicia por manipular o mercado e os prezos

Valora este artigo
(1 Voto)

Considera que OPMEGA liderou durante 11 anos iniciativas encamiñadas a coordinar a repartición de vendas e a fixación de condicións comerciais e prezos

A Sala III, do Contencioso-Administrativo, do Tribunal Supremo, rexeitou o recurso da Organización de Produtores de Mexillón de Galicia (OPMEGA) contra a resolución da Comisión Nacional da Competencia (CNC), do 26 de abril de 2011, que lle impuxo unha sanción de 901.518 euros por prácticas anticompetitivas no sector entre 1997 e 2008. O Supremo ratifica a sentenza da Audiencia Nacional, do 1 de xuño de 2015, que rexeitou un primeiro recurso de OPMEGA contra a multa.

A resolución sancionadora da CNC tivo por acreditado que entre 1997 e 2008, diversas asociacións do sector produtor do mexillón, entre as que se atopa a organización recorrente, desenvolveron múltiples iniciativas para coordinar a repartición do mercado e a fixación de condicións comerciais e prezos, que deben considerarse como instrumentos dun mesmo acordo global entre as empresas imputadas, cun obxectivo único, común e continuado no tempo.

O Supremo rexeita, entre outros aspectos, que a sanción fose desproporcionada. "A resolución sancionadora explicou as circunstancias concorrentes que ponderou para a imposición da multa na contía que se indicou, que foron o carácter de moi grave da infracción, a súa prolongación no tempo durante 11 anos, que a recorrente é a maior asociación de produtores e que é claramente quen tivo un papel máis vivo para a celebración dos acordos e o liderado á hora de fixar os prezos", explica a sentenza.

En canto á falta de intencionalidade que se alegou por OPMEGA, o alto tribunal indica que tanto a CNC como a Audiencia Nacional consideraron probado que a asociación "desempeñou un papel activo e de liderado respecto doutras asociacións de produtores na fixación de prezos, circunstancias que son incompatibles coa ausencia do elemento subxectivo da infracción que alega a parte recorrente que, en todo caso, non invoca no seu recurso ningún feito ou dato de entidade para excluír ou diminuír o elemento de culpa, polo menos a título de neglixencia, da súa participación e liderado nos acordos e condutas infractoras da competencia".

 

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top