A Sala do contencioso-administrativo confirmou unha multa de 700.000 euros a Big Tours, S.L. polos fallos detectados na organización dun concerto de Bruce Springsteen, celebrado o día 2 de agosto de 2009 en Santiago de Compostela, ao que non puideron entrar máis de 1.000 persoas, a pesar de ter entrada, porque o recinto estaba cheo. Outras 5.000 tiveron que seguilo con problemas de visibilidade desde a ladeira do monte de Gozo.
A sentenza desestima o recurso de casación interposto pola empresa contra o fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que reduciu de 2.400.000 euros a 700.000 euros a sanción imposta polo Conselleiro de Economía e Industria da Xunta de Galicia á devandita sociedade por non prestar o servizo contratado nas condicións pactadas.
De acordo coa sentenza recorrida, a Sala Terceira afirma que quedou acreditada a responsabilidade da empresa organizadora do concerto, como se comproba na declaración de feitos probados, polo atraso indebido na apertura das portas, 45 minutos máis tarde da hora prevista, e pola inadecuada actuación do persoal responsable da sociedade sancionada.
A empresa vendeu 37.539 entradas a 65 euros cada unha para o concerto que o cantante Bruce Springsteen ofreceu no auditorio do monte do Gozo de Santiago de Compostela na data indicada.
Ía empezar ás 22 horas e a apertura de portas estaba fixada ás 20 horas. Debido á excesiva aglomeración de colas de asistentes nos preaccesos, o xefe do dispositivo de seguridade recomendou ás 19,30 á organización a conveniencia de adiantar a apertura de portas para acougar os ánimos da xente e eliminar os posibles riscos.
Desde a organización responderon que non era posible debido a que os equipos de montaxe estaban a revisar as estruturas. Finalmente, ás 20,30 horas abriuse un preacceso, o da rúa do Gozo, para deixar pasar a un grupo de fans, unhas 1.000 persoas, algo que non agradou aos que seguían esperando na rúa. Ás 20,45 abríronse todos os preaccesos e portas.
Ao redor das 22 horas, unhas 5.000 persoas con entradas, que xa pasaran polos preaccesos, non puideron entrar no recinto, que estaba cheo, e decidiron seguir o concerto desde o monte.
A esa mesma hora, saíu Bruce Springsteeen ao escenario, momento no que se produciu unha avalancha de xente pola zona de acceso VIP-B, que desbordou o servizo da Policía Nacional e de seguridade privada, xerando unha situación de risco ao estar sobrecargadas de peso as plataformas do lago.
Tras a celebración do concerto, 800 persoas reclamaron ante o Instituto Galego de Consumo e algúns dos que quedaron na rúa denunciaron os feitos en Comisaría.