Imprimir esta páxina
Venres, 07 Decembro 2018 18:59

Preto de 3.200 persoas outorgaron ‘testamento vital’ ante as oficinas notariais de Galicia nos últimos dez anos

Valora este artigo
(1 Voto)

Desde 2007, o número de documentos de Instrucións Previas ou Vontades Anticipadas rexistrados nas notarías da Comunidade multiplicouse por seis

As notarías de Galicia rexistraron nos dez últimos anos 3.167 documentos de Instrucións Previas, o popularmente coñecido como testamento vital, nun sostido crecemento que xa multiplicou por seis os 78 asinados en 2007.

Trátase dun instrumento legal no que unha persoa pode consignar as instrucións que deben seguirse cando o seu estado de saúde ou o avance da súa enfermidade lle impida comunicarse co equipo médico que debe tomar decisións respecto do seu tratamento ou terapia.

O Documento de Instrucións Previas responde así á vontade dunha persoa de non ser mantida indefinidamente con vida artificial ou conectada a aparellos cando non hai posibilidades razoables de recuperación e, deste xeito, paliar o sufrimento e evitar un alongamento non desexado da vida.

Aínda que o documento pode facerse ante notario, ante testemuñas ou ante persoal do Rexistro Galego de Instrucións Previas, o Colexio Notarial de Galicia constatou un aumento ano tras ano dos asinados nas oficinas notariais da Comunidade Autónomas, desde os 78 rexistrados en 2007 ata os 445 consignados en 2017. 

No primeiro semestre de 2018, foron 230 os testamentos vitais outorgados ante notario nas catro provincias, o 88,7% deles nas da Coruña (104) e Pontevedra (100), fronte a só 10 e 16 nas de Lugo e Ourense, respectivamente. 

Estatística Instrucións previas 2007-2017

 

O Documento de Instrucións Previas inclúe necesariamente tres apartados:

• O fundamental e obrigatorio é no que se dispoñen as instrucións que deben seguirse nos coidados e no tratamento da enfermidade, é dicir, se o paciente desexa ou non que se lle manteña vivo artificialmente.

• Un segundo contido refírese ao destino do corpo e órganos tras o falecemento, como a doazón para transplantes ou a cesión para a investigación científica, entre outros supostos.

• O terceiro apartado inclúe a designación dun representante que vele polo cumprimento das instrucións contidas no documento e, ademais, sirva como interlocutor co equipo médico.

O documento ha de contar con estes tres elementos, pero non ten un contido máximo, senón que pode recoller outras disposicións exclusivamente relacionadas co final da vida e que non teñen un fácil acomodo no testamento propiamente dito, cuxo contido é patrimonial ou de disposición de bens.