Xoves, 21 Marzo 2019 10:05

O vendedor de dous pisos ao Concello da Coruña síntese acosado polo PP e desprotexido por todos os grupos municipais

Valora este artigo
(1 Voto)

Acúsaos de non defender o dereito de calquera cidadán a concorrer a un procedemento da administración local, sexa cal sexa a súa ideoloxía

Toni Lodeiro, o coruñés que lle vendeu dous pisos ao Concello dentro da convocatoria aberta para adquirir inmobles destinados a aluguer social, asegura sentirse acosado polo PP e “desprotexido e desamparado” polo goberno local e polos grupos municipais do PSOE e BNG. Acúsaos a todos eles de antepoñer os seus intereses partidistas e electoralistas á defensa da ética das actuacións administrativas e ao dereito de calquera cidadán a concorrer a un procedemento municipal, sen ser penalizado polo seu compromiso político, sexa cal sexa.

Nun extenso comunicado dirixido á cidadanía, Lodeiro rompe cun ano de silencio para facer pública a súa visión sobre a intensa “campaña política, administrativa e mediática impulsada polo PP da Coruña e La Voz de Galicia”, que o acusaron “falazmente de ter recibido trato de favor nun concurso público por ser simpatizante da Marea Atlántica”.

Logo de recordar que o mes pasado a propia Fiscalía da Coruña arquivou a denuncia do PP sobre ese suposto trato de favor, desmentido rotundamente polos traballadores municipais, o cidadán subliña que, efectivamente, el simpatiza coa Marea e cosas súas iniciativas, pero nunca tivo “unha participación continuada en ningún destes proxectos, nin desempeñado cargos orgánicos nin recibido salario ningún destas organizacións”.

Engade que defende “as políticas de vivenda pública”, e esa foi unha das razóns que o levou a presentarse en 2017 á citada convocatoria. Fíxoo con “dúas vivendas “humildes” froito dunha herdanza familiar recente”, polas que recibiu unha oferta “por debaixo do prezo de mercado, segundo as taxacións realizadas polo propio Concello”.

Lodeiro explica que vive en Cataluña desde hai dez anos, polo que non participou directamente nun proceso que foi integramente xestionado por un familiar e de cuxa participación nel non informou en ningún momento a ninguén da Marea Atlántica.

Para Lodeiro, o PP local practica un “filibusterismo administrativo, cun uso obstrucionista do normal funcionamento das administracións que só obedece a espurios intereses partidistas”. 

A este respecto, chámalle a atención que o PP pida a anulación da compravenda das súas vivendas pero non das outras tres adquiridas polo Concello e tamén cuestionadas.

Oportunismo

En canto á actuación de PSOE e BNG, cualifícaa de oportunista, por aproveitar a ocasión para a “desgastar electoralmente ao goberno local, sen importarlles as consecuencias que a súa conduta poida ter nos cidadáns máis vulnerables, a quen din defender”.

Non faltan tampouco duras críticas de Lodeiro ao goberno da Marea Atlántica, que “por idénticos motivos de imaxe e conveniencia política, situouse de perfil ante o conflito”, obviando en case todo momento asumir “a súa total responsabilidade política e administrativa nos hipotéticos erros cometidos no concurso”.

Máis aló diso, acusa ao executivo local de incumprir o seu “deber de defender e protexer decididamente” o dereito dun cidadán á participación democrática sen sufrir por elo un trato discriminatorio e moi graves prexuízos de toda caste, “que os cidadáns non publicamente aliñados, ou aliñados con outras opcións políticas non padecen na súas relacións coa administración local”.

Prexuízos propios e alleos

Todo o ocorrido, que o cidadán cualifica coma de “montaxe” e “persecución selectiva”, sáldase, na súa opinión, cun considerable dano persoal e cidadán. 

En canto ao dano persoal, destaca os irreparábeis danos de imaxe e morais, os gastos en avogados e, sobre todo, a gravísima inseguridade xurídica e o enorme prexuízo vital que lle suporía a execución, anos despois da venda, da petición municipal de devolución dos inmobles, xa que o vendedor non dispón dos 145.865 € cobrados, por telos destinado á adquisición da vivenda habitual onde reside.

Polo que toca ao dano cidadán, refírese á repercusión “deste tipo de campañas polas vías xudicial e administrativa”, que danan o normal desenvolvemento das políticas municipais e o prestixio da institución, con continuos recursos e procesos administrativos, peritaxes, revisións, comisións e plenos municipais extraordinarios e intervención dos tribunais, entre outras actuacións xeradas por este conflito, co conseguinte malgasto de diñeiro público.

Respecto das irregularidades urbanísticas detectadas, Lodeiro recorda que a un dos pisos que vendeu fáltalle centímetro e medio para acadar a altura mínima (2,50 m) para ser recoñecido como vivenda. E engade que unha vivenda idéntica foi regularizada como tal polo PP local cando gobernaba en 2011, o que demostra que a defensa da legalidade “só ten relevancia para ese partido cando lle supón unha oportunidade electoral”. 

Tendo en conta que hai moitos pisos na mesma situación, Lodeiro pregúntase “cantos centos de vivendas na cidade verán gravemente afectado o seu futuro e xa non poderán ser regularizadas por uns intereses partidistas de curto percorrido? Quen defende os intereses dos afectados que tampouco foron protexidos cando o sector inmobiliario campaba ás súas anchas coa permisividade dos gobernos locais?”

No aspecto persoal, Lodeiro anota tamén os gastos legais que a súa defensa neste caso lle está a orixinar e as posibles e gravosas consecuencias das irregularidades atopadas neste proceso, como a anulación da compravenda. Pero seguirá loitando nos tribunais para facer valer os seus dereitos: “se o Concello ou o goberno local cometeron algún erro nalgunha decisión administrativa, súa debera ser a plena asunción das consecuencias”, conclúe.

 

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top