Mércores, 25 Mai 2016 22:54

A fiscal xeral esíxelle a Catalá unha instrución que obrigue aos letrados xudiciais a darlle traslado das causas ás fiscalías

Valora este artigo
(1 Voto)

"Non temos acceso a elas porque non residen nas nosas dependencias, senón nos estantes, andeis, armarios e mesas dos xulgados de instrución"

Díxoo onte a fiscal xeral do Estado unha e mil veces en 25 minutos de rolda de prensa: "necesitamos que se nos dea traslado das causas". E ao dicir isto, e de forma tan reiterada, Consuelo Madrigal veu proclamar que isto non ocorre. Ou non de maneira uniforme, como sería mester. "Nuns casos si, nuns casos non", apostilou.

E en que casos os xulgados de instrución dan traslado ao fiscal das causas que tramitan? Pois iso, explicou, "queda a mercé da boa disposición ou do entendemento que os profesionais dos xulgados fagan do tenor da lei".

"Neste momento non temos acceso a elas _engadiu_, porque non residen en dependencias da Fiscalía, senón nos estantes, andeis, armarios e mesas dos xulgados de instrución. Estes non reteñen as causas, non, pero téñenas". E con esa frase, que de paso debuxaba o totum revolutum das oficinas xudiciais, aludía unha vez máis á vella aspiración do Ministerio Público de que se lle confíe a investigación dos asuntos penais.

Instrución ministerial

Unha vez aclarado que os fiscais non reciben de forma regulada os expedientes penais que obran nos xulgados, a Fiscalía ten intención de demandar do Ministerio de Xustiza unha instrución clara neste sentido dirixida a xuíces instrutores e letrados da administración de xustiza, que son quen ten (ou debesen ter) coñecemento exacto das causas pendentes nos seus órganos xudiciais.

Foto de arquivo Comisión mixta Fiscalía - Ministerio de Xustiza
Comisión mixta Fiscalía - Ministerio de Xustiza                 FGE

 

Só así será posible acabar de revisar antes do 6 de xuño, tal como impón a nova Lei de Axuizamento Criminal (Lecrim), todas as causas que necesitan ser clasficadas en complexas e sinxelas, para pedir unha prórroga na súa tramitación, no primeiro dos casos, ou pechalas despois de seis meses de instrución e ir con elas a xuízo.

Para Madrigal, xa non se trata de terminar antes do día marcado pola lei, que está convencida de que se fará, senón do que veña despois no día a día se non se establece a necesaria "corresponsabilidade" de xuíces e letrados de xustiza cos fiscais.

Do imposible ao misterioso

Se a semana pasada sostiña xunto co seu Consello Fiscal que sería "de difícil ou imposible cumprimento" o previsto no artigo 324 da Lecrim, onte deulle a volta a tan ambigua formulación para dicir que se refería ao que pasará despois do 6 de xuño, e non á actual revisión de causas pendentes.

A fiscal xeral quixo deixar claro que o Ministerio Público vai ter revisado o 100% das causas no prazo requirido, pero cun preocupante matiz: só aquelas "das que tivo coñecemento", que afortunadamente parecen ser a inmensa maioría. 

E é que, segundo revelou con certo ton de misterio, hai causas que a Fiscalía non viu pero que sabe que existen. "Sospeitamos que existen, cremos que son poucas, pero non sabemos cantas son". E lanzou unha pregunta ao aire que ela mesma encargouse de responder: "Que pode pasar se aparecen asuntos nun armario ou nunha habitación do xulgado e non foron controladas debidamente ou non nos deron traslado?" Pois que non serán arquivadas. Unha vez coñecidas esas causas ocultas, e se o caso non prescribiu, o fiscal "dirixirá a estratexia acusatoria que sexa posible", pedindo as probas que sexan necesarias na fase intermedia ou no acto de xuízo oral.

"Non vai haber impunidade, máis aló da prescrición", asegurou Madrigal. E reiterou: "O traballo ímolo realizar, pero non respondemos daquilo ao que non temos acceso".

Datos que ninguén coñece 

Sobre a guerra de cifras que estes días enfronta aos fiscais co ministro de Xustiza en funcións, Rafael Catalá, Madrigal afirmou que sobre iso "está a traballar o Ministerio", pero non quixo adiantar unha cantidade concreta sobre o que falta por revisar.

Tras referirse ao "rudimentario" sistema informático que impide contrastar os datos dos xulgados cos das fiscalías, afirmou que "aínda queda algo por revisar, pero non moito". Moito, pouco, algo... Canto? "As cifras foron variando, déronse tres ou catro cifras oficiais, pero creo que nin o CGPJ, nin o Ministerio, nin a Fiscalía desde logo, poden dar a cifra total do que estaba pendente ou non estaba", admitiu.

E neste punto interveu o fiscal xefe da Unidade de Apoio, José Luis Bueren, quen puxo en liza os máis de 550.000 asuntos contabilizados pola Fiscalía cos que enumerou o Ministerio, que "foi evolucionando _lembrou_ desde os 250.000 do principio aos 460.000 do outro día". A súa xefa resolveu a cuestión afirmando que na maior parte das fiscalías o traballo xa está concluído entre un 80% e un 100%. Como xa dixera Catalá sen lograr despexar canto é o 80% de x.

 

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top