Martes, 31 Mai 2016 22:20

A Fiscalía Xeral ordena clasificar como complexas todas as causas que non poidan revisarse antes do luns

Valora este artigo
(2 votos)

Toma esa decisión á vista de que "se están presentando en dependencias dos órganos fiscais numerosas causas procedentes dos xulgados"

A un órdago sucédelle outro maior. Se onte era a entrada nas fiscalías de milleiros de causas penais remitidas polos letrados xudiciais por orde do Ministerio de Xustiza, hoxe é a resposta non menos contundente da Fiscalía Xeral do Estado, que, decidida a cortar polo san, ordénalles aos fiscais clasificar como complexos todos os expedientes _un número imposible de precisar neste momento_ que non lles dea tempo a revisar antes do luns.

A Lei de Axuizamento Criminal (Lecrim) dálles aos xuíces un prazo máximo de seis meses para investigar os casos sinxelos, pero o fiscal pode solicitar unha prórroga de 18 meses para aqueles de maior complexidade e que requiran, por tanto, máis dilixencias na súa fase de instrución.

Ese prazo para clasificar unha causa como complexa e pedir máis tempo para investigala, facer acopio de probas e defendelas con garantías no xuízo remata o 6 de xuño, pero coa chegada masiva de novos expedientes, os fiscais non poderán revisalas todas a tempo.

Nunha instrución remitida a todas as fiscalías superiores, provinciais e de área de España, o fiscal xefe inspector, Fausto Cartagena, afirma que "tendo coñecemento de que se están presentando en dependencias dos órganos fiscais numerosas causas procedentes dos xulgados, e noutras ocasións amplas listaxes de procesos pendentes", faise imprescindible aplicar a previsión contida na Circular 5/2015 da Fiscalía Xeral do Estado.

Esa disposición permítelles aos fiscais, "cando exista un número de pendencias no Xulgado de tal entidade que impida a análise pormenorizada" dos casos, como ocorre neste momento, "alegar tal circunstancia extraordinaria" para solicitar unha prórroga no prazo de instrución.

"Nestes supostos _engade a Circular_ non será esixible que o ditame sobre ampliación de prazo incorpore a solicitude das dilixencias que deban ser practicadas". E é que, loxicamente, sería imposible decidir que dilixencias pedir nun expediente que non se puido analizar ou nin tan sequera ler.

A instrución do fiscal xefe inspector vai aínda máis lonxe, e autoriza aos fiscais a "empregar ditames uniformes", é dicir, simples modelos-tipo, para pedir "exclusivamente" a ampliación de prazo, sen entrar no contido concreto da causa.

Por último, pídelles aos fiscais que lle remitan "na medida do posible o número de causas penais que fosen ditaminadas" desde o 30 de maio ata o 6 de xuño.

 

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top