Xoves, 15 Xuño 2017 21:08

Condenan a Xunta a pagarlle a unha médica as gardas que non puido facer por coller a baixa de maternidade

Valora este artigo
(1 Voto)

O xuíz aprecia discriminación por razón de sexo, xa que a traballadora vería "desincentivada" a súa decisión de ser nai fronte aos seus compañeiros médicos

O Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Ourense estimou o recurso dunha médico especialista do hospital público da cidade, a quen o Servicio Galego de Saúde (Sergas) rexeitara abonar as gardas correspondentes aos períodos en que estivo de baixa por risco durante o embarazo e despois de dar a luz. Na sentenza recoñéceselles ás mulleres que traballan na sanidade pública o dereito para cobrar o complemento retributivo das gardas nas situacións de baixa temporal por embarazo de risco e maternidades.

Afirma o maxistrado Francisco de Cominges Cáceres na súa resolución que é "evidente que se a unha facultativa especialista, como é o caso, pola única razón do seu embarazo e parto se priva dun concepto retributivo tan relevante como o das gardas que habitualmente realiza e percibe, estáselle causando unha discriminación por razón de sexo (art. 14.1 CE). A súa lexítima decisión de ser nai atoparíase limitada e desincentivada, de maneira moi significativa, pola perda dunha boa parte das súas retribucións. Dilema no que nunca se acharían os seus compañeiros homes".

A muller, especialista en xinecología e obstetricia no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUOU) estivera de baixa en 2012 por incapacidade temporal en dous períodos sucesivos, primeiro por risco durante o embarazo e logo por baixa maternal.

Na súa demanda, a doutora consideraba vulnerados os principios e normativa que, para garantir unha igualdade efectiva entre homes e mulleres, recoñece unha indemnidade económica ás traballadoras en situacións de maternidade, e que esa circunstancia fora asumida polo propio Sergas na súa normativa laboral.

Por contra, a administración sanitaria negou ese extremo e sinalou que os pactos subscritos sobre este particular cos representantes dos traballadores "quedaron en suspenso desde o ano 2009 nas sucesivas leis de orzamentos" da Xunta, que "só permiten cobrar as gardas efectivamente realizadas". 

"Situación especial" da muller

Fronte ás alegacións do Sergas, o maxistrado precisa que a citada normativa do Sergas recoñécelles aos facultativos o dereito de percibir os importes das gardas non realizadas durante o período de baixa temporal, aínda que cun sistema de cálculo particular e diferenciado para as situacións de maternidade (parto e embarazo de risco).

A sentenza indica que con eses acordos, que "manteñen a súa vixencia e non foron derrogados por esas leis de orzamentos", a Xunta "limitouse a levar a efecto os principios e obrigacións establecidos" no Estatuto Básico del Empleado Público para garantir a igualdade de sexos. En todo caso, precisa que as limitacións incluídas na lei galega de orzamentos, non lle afectaría á demandante, posto que entrou en vigor en data posterior á da baixa da recorrente e carece de efecto retroactivo.

Francisco de Cominges lémbralle á Administración sanitaria galega que "o embarazo e o parto que dan causa á baixa temporal non son unha enfermidade, nin un accidente ou sinistro. É unha situación especial que só afecta as mulleres, rexéndose por normas e principios tamén especiais cuxa finalidade é a de que non padezan prexuízo laboral algún pola devandita causa". 

Un caso semellante en Asturias

O xuíz trae no seu apoio unha "recente e interesante sentenza do 24 de xaneiro de 2017" na que a Sala do Social do Tribunal Supremo resolveu no mesmo sentido sobre un suposto practicamente idéntico a este. Naquel caso, tratábase dunha facultativa do Hospital Universitario Príncipe de Asturias, que reclamaba o abono do complemento retributivo por gardas que non puido prestar para evitar riscos ao embarazo.

Daquela, o Alto Tribunal apreciara unha vulneración do dereito fundamental da doutora á igualdade e non discriminación por razón de sexo, condenando á demandada a abonarlle 1.400 euros mensuais polas gardas deixadas de percibir nese período, máis unha indemnización de 6.200 euros por danos morais.

 

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top