Imprimir esta páxina
Xoves, 17 Mai 2018 00:00

A Xustiza galega ten nome de muller

Valora este artigo
(1 Voto)

Galicia é, cun 58,3%, a segunda comunidade autónoma con maior porcentaxe de xuízas, pero as mulleres seguen afastadas das xefaturas do poder xudicial

O predominio da muller na xudicatura xa é un feito en case todas as comunidades autónomas desde 2013, pero en Galicia, cun 58,3% do total (200 mulleres fronte a 143 homes), destaca sobre a do resto dos demais territorios xudiciais, a excepción do País Vasco, onde a porcentaxe de xuízas se sitúa este ano no 60,5%, e moi por riba da media estatal do 53,2%. Así se reflicte no informe Unha perspectiva de xénero na Xustiza, elaborado polo Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX).

A presenza das xuízas e maxistradas en Galicia é aínda máis notable nas idades máis novas, xa que representan o 75% na franxa de 20 a 30 anos, o 77,9% na de 31 a 40 anos e o 66,4% na de 41 a 50. 

No caso da Fiscalía, a porcentaxe de mulleres é aínda maior, e polo que respecta a Galicia, en 2017 ocupaban xa o 62,7% das prazas, a oitava maior proporción entre as comunidades autónomas aínda que lixeiramente por debaixo da media estatal do 64,1% e da proporción acadada no ano anterior.

As mulleres son maioritarias tamén como letradas da Administración de Xustiza (un 69,5% na comunidade galega), pero a súa presenza diminúe entre outros operadores xurídicos: este ano ocupan no conxunto do Estado o 40% das prazas da Abogacía do Estado, e, en 2017, o 30,8% das notarías, o 44,7% nos rexistros da propiedade e mercantís, o 33,4% dos procuradores e o 47,1% entre os graduados sociais.

En Galicia, estas porcentaxes difiren lixeiramente, e chama especialmente a atención o feito de que as mulleres, lonxe de ser minoritarias no rexistro da propiedade, teñan ao seu cargo nada menos que o 64% destas oficinas nas catro provincias galegas, unha proporción inusual se a comparamos co promedio estatal xa sinalado.

Exigüa representación nas xefaturas

Malia a súa maioritaria presenza, a outra cara da moeda é a súa infrarrepresentación nos postos de maior responsabilidade da carreira xudicial, tanto en Galicia coma no resto do Estado. En xeral, o número de mulleres supera ao de homes en todos os órganos unipersonais (a excepción dos xulgados do mercantil, nos que representa o 34,4%).

Pola contra, aínda que a porcentaxe de maxistradas con máis de 10 anos de antigüidade na categoría era do 47,9%, a de presidentas de sala dos tribunais superiores é o 20,7%, o de presidentas de audiencia, o 16,3%, e o de presidentas de sección, o 21,9%. Entre os membros do Tribunal Supremo as mulleres representan só un 14,5%.

Tamén son minoría nos órganos especializados, coa excepción dos de menores e do social. Polo demais, en 2017 as mulleres só representaban o 27,3% das compatibilidades docentes concedidas.

A mesma situación dase na Fiscalía. Despois de dous anos, a foto fixa realizada por DXustiza na reportaxe Mulleres na Xustiza, con motivo da estrea do xornal na rede, o 17 de maio de 2016, apenas se modificou. 

Galicia segue a ser a segunda comunidade autónoma onde menor capacidade directiva acadan as mulleres fiscais, malia representaren o 62,2% da nómina do Ministerio Fiscal: entre as oito xefaturas existentes -Fiscalía Superior, catro fiscalías provinciais e outras tres de Área (Vigo, Santiago e Ferrol)- só unha muller posúe un deses postos directivos, o que supón un irrisorio 12,5% das prazas fronte ao promedio estatal do 30%.

Daquela, a fiscal Pilar Fernández, adscrita á Fiscalía de Área de Santiago, apuntaba os tres motivos que ao seu entender explican o afastamento das mulleres dos postos directivos: a dificultade de compatibilizar as responsabilidades profesionais e familiares, o maior nivel de autoesixencia das mulleres, que as desanima a competir por determinadas prazas, e a existencia de “redes informais de poder masculino ás que os homes que as integran destinan unha gran cantidade de tempo e recursos, e nas que se resolven a meirande parte dos nomeamentos de confianza”.