Martes, 07 Xuño 2016 03:12

Condenan ao Santander a devolverlle 300.000 euros a un cliente por preferentes comercializadas en nome de SOS-Cuétara

Escrito por E. de Ron
Valora este artigo
(5 votos)

A xuíza considera que non se lles dou información abonda aos clientes para coñecer as consecuencias do que contrataban

Aínda que son ben coñecidas a comercialización de preferentes por entidades bancarias públicas e privadas e as reclamacións xudiciais contra elas, non abundan as que se refiren ás emitidas por empresas privadas non financeiras. Unha destas vén de ser anulada polo Xulgado de Primeira Instancia nº3 de Ferrol, que estima a demanda dun matrimonio ferrolán e anula a venda polo Banco de Santander, en calidade de intermediario, de 300.000 euros en participacións preferentes emitidas pola empresa alimentaria SOS Cuétara.

A sentenza obriga ao Santander a devolverlle aos seu clientes os 300.000 euros investidos neses produtos, xunto cos seus xuros legais dende a data da contratación das participacións en 2006 e as custas de avogado, procurador e pericial (desenvolvida polo economista José Antonio Pena Beiroa). En total, a compensación achegaríase aos 400.000 euros, segundo informou a DXustiza o avogado coruñés Xoán Antón Pérez-Lema.

Pola súa banda, os demandantes, ambos os dous xubilados, haberán de restituír os rendementos percibidos xunto cos seus xuros legais. O banco fica coa plena propiedade das accións entregadas a cambio das participacións preferentes.

O Santander alegara que a súa participación na operación financeira foi a de “mera mediación na operación de compra venda de valores financeiros entre o demandante e SOS Cuétara”, pero a xuíza entende que, ao soster o banco que lle deu información completa ao cliente está admitindo “tacitamente un labor que vai más aló da de mero intermediario”.

Perdas moi elevadas e falta de información

En todo caso, a sentenza engade que o Santander “omitiu expresamente información relevante, e non informou ao cliente, en ningún momento, de que se a entidade emisora dos valores non ía ben, non percibiría ingresos do produto” contratado.

A xuíza engade que tampouco se lle advertiu das consecuencias de cambiar as participacións preferentes por accións de SOS, cun efectivo de compra de 236.995,66 euros, con vencemento en 2050 “e unha perda de valor na citada operación moi elevada” (110.436 euros) respecto ao valor das preferentes adquiridas.

O banco tamén apuntaba á caducidade da acción exercitada, xa que a orde de subscrición de valores consumárase o 20 de decembro de 2006, e a demanda se presentara o 22 de outubro de 2015.

Pola contra, a xuíza considera que o contrato de compravenda só se consumaría no momento en que o cliente recibira os beneficios pactados ou a devolución íntegra do capital, circunstancia que non ocorrería ata o ano de vencemento dos valores, en 2050.

Pérez-Lema, que representou ao matrimonio ferrolán, salienta como  novidade deste caso fronte a outros máis cotiáns rexistrados en Galicia o feito mesmo de que o Santander non comercializou os seus propios produtos, senón unha emisión de preferentes dunha empresa alimentaria cliente súa, “polo que existe conflito de intereses entre o cliente particular do banco e a cliente emisora de preferentes, neste caso, entre o matrimonio afectado e SOS Cuétara”.

A sentenza non é firme a cabe contra ela recurso de apelación perante a Audiencia Provincial da Coruña.

 

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top