Venres, 08 Xuño 2018 13:12

Os xulgados especializados en cláusulas abusivas danlle a razón ao 98% dos demandantes contra as entidades financeiras

Valora este artigo
(1 Voto)

O Poder Xudicial afirma que este feito explica en parte a caída do 26,5% no número de asuntos, xa que os bancos prefiren chegar a acordos extraxudiciais

O cliente (case sempre) ten a razón: desde que entraron en funcionamento hai un ano, os xulgados especializados en cláusulas abusivas déronlle a razón ao 97,6% dos cidadáns que formularon demandas contra as entidades financeiras por este tipo de abusos, segundo as estatísticas que vén de dar a coñecer o Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX).

As demandas que atenden este xulgados refírense a accións individuais sobre condicións xerais incluídas en contratos de financiamento con garantías reais inmobiliarias cuxo prestatario sexa unha persoa física, en casos coma cláusulas de chan, vencimiento anticipado, intereses moratorios, gastos de formalización de hipoteca ou hipotecas multidivisa.

No primeiro trimestre deste ano, os órganos especializados ditaron 13.573 sentenzas en todo o Estado, un 67,6% máis ca no último trimestre de 2017. Delas 440 ditáronse en Galicia, o que supón o 3,2% do total. Desde que se puxeron en marcha o 1 de xuño de 2017, estes órganos xudiciais ditaron 22.899 sentenzas, das que 936 (o 4%) foron resoltas polos catro especializados, un por provincia, que operan na comunidade autónoma.

O Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) sinala que "a unificación de criterios que indica a elevada porcentaxe de sentenzas estimatorias en todo o territorio nacional é un dos factores que explican o descenso no número de asuntos ingresados, ao propiciar que as entidades bancarias cheguen a acordos extraxudiciais" para evitar un litixio que en case todos os casos élles desfavorable.

De feito, desde a súa entrada en vigor, o número de demandas presentadas en todo o Estado pasaron das 59.327 e 78.829 do terceiro e cuatro trimestres de 2017, respectivamente, ás 57.955 do primero trimestre deste ano. En total, o volume de asuntos ingresados caeu nun 26,5 % e é a máis baixa dos tres trimestres completos de funcionamento destes órganos xudiciais.

Polo que atinxe a Galicia, a evolución de asuntos ingresados polos xulgados especializados pasou das 2.726 e 3.330 demandas dos dous últimos trimestres do ano pasado ás 1.547 rexistradas entre xaneiro e marzo do actual.

O Consello prevé que a sentenza do Tribunal Supremo do pasado 21 de marzo sobre o Imposto de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados teña efecto tamén na entrada de demandas que se refiran a esta cuestión, ao determinar xa que o pago do imposto pola constitución de préstamo incumbe ao prestatario, mentres que polo timbre dos documentos notariais, o imposto correspondente á matriz abonarase por partes iguais entre prestamista e  prestatario, e o correspondente ás copias, por quen as solicite.

Menos asuntos e máis resolucións

A estatística xudicial reflicte así mesmo, unha notable mellora na resolución destes asuntos, que se incrementou nun 60,5 % no primeiro trimestre do ano respecto ao último de 2017: 16.988 fronte a 10.586. Pola contra, Galicia experimentou unha diminución do 3,3% na cantidade de asuntos resoltos, ao pasar dos 609 do último trimestre de 2017 aos 589 do primero de este ano, lastrado fortemente pola folga dos funcionarios xudiciais.

A caída na entrada de asuntos obsérvase tamén na evolución dentro do propio trimestre: se en xaneiro ingresaron algo máis de 26.000 asuntos, en febreiro foron ao redor de 17.000 e en marzo pouco máis de 13.000.

O incremento do número de asuntos resoltos e o descenso dos ingresados supuxo que a taxa de resolución a nivel nacional no primeiro trimestre do ano alcanzase o 29,3%, fronte ao 13,4% do último trimestre de 2017.

Os datos recompilados pola Sección de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial indican que no primeiro trimestre de 2018 a taxa de resolución xa foi superior ao 50 por cento en catro comunidades autónomas: Asturias –onde chega ao 94%-, Castela e León, Navarra e A Rioxa.

Outros cinco territorios –Cantabria, Castela-A Mancha, Estremadura, Galicia e o País Vasco- sitúanse por encima da media nacional con taxas de resolución que van do 29,9% de Cantabria, ao 38,1% de Galicia ou o 45,8% de Castela-A Mancha.

Por baixo da media nacional sitúanse Andalucía, Aragón, Baleares, Canarias, Madrid, Murcia e Cataluña, tendo esta última –cun 12,3%- a taxa de resolución máis baixa, aínda que é a única, xunto con Madrid, na que o número de asuntos ingresados no primeiro trimestre de 2018 (10.276) foi superior ao rexistrado no último trimestre do ano pasado (9.943).

As sentenzas non son as únicas formas de terminación dos asuntos que entran nos Xulgados especializados. Tamén poden concluír por auto final ou decreto cando, por exemplo, se acumulan nun só procedemento varias demandas referidas a distintas cláusulas da mesma hipoteca ou se produce a renuncia ou a desistencia dunha das partes.

Os datos estatísticos indican que a taxa de sentenza, que pon en relación o número de sentenzas ditadas co de asuntos resoltos, foise incrementando desde a posta en marcha dos xulgados.

 

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top