Venres, 25 Novembro 2016 19:48

Indemnizan a un ourensán que tivo que operarse nun hospital privado polas listas de espera na sanidade pública

Valora este artigo
(1 Voto)

Un xulgado condena o Sergas a pagar 10.000 euros por un funcionamento “deficiente máis aló do tolerable" e “mesmo irracional" 

O Xulgado Contencioso-Administrativo nº1 de Ourense condenou o Servizo Galego de Saúde (Sergas), nunha sentenza contra a que non cabe recurso de apelación, a indemnizar a un paciente con 10.000 euros polos prexuízos padecidos ao ter que acudir á sanidade privada ante as excesivas listas de espera do Servizo de Neuroloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUOU).

Na resolución indícase que "con toda evidencia a Administración demandada incorreu neste caso nun funcionamento anormal, incorrecto, deficiente máis aló do tolerable para o servizo público de que se trata". 

A sentenza relata que o paciente, logo de superar con éxito un ictus no ano 2011, acode en maio de 2014 ao Servizo de Neuroloxía do CHUOU por consultas externas, remitido polo seu médico de atención primaria, con síntomas de hidrocefalia a presión normal (hidrocefalia crónica do adulto), acompañados de gravosos padecimientos como cefalea, e cervicalxia.

O doente foi atendido correctamente por unha neuróloga que, tras varias consultas, lle realiza unha punción lumbar o 14 de xullo e lle indica que pida cita para o mes de setembro, para comprobar os efectos da punción.

"Tal e como explicou a doutora na vista do xuízo, esa cita resultaba esencial e non se podía realizar máis tarde, porque os efectos da proba desaparecerían, xa non se poderían avaliar e sería necesario repetila", precisa a sentenza.

Da pública á privada

Con todo, concédenlle a cita para o 16 de xaneiro de 2015, polo que o doente presenta varias reclamacións "e a resposta que obtén é unha especie de reformatio in peius: atrásanlle a cita ao 28 de xaneiro de 2015". 

"É lóxico que nesta tesitura o paciente se angustiase e acudise á sanidade privada", considera o xuíz, para quen que "a Administración pública sanitaria funcionou de maneira deficiente e mesmo irracional".

"Realízaselle unha proba cuxa práctica require dúas fases en períodos temporais concretos, pero cítaselle para a segunda fase meses despois da data prescrita polo facultativo, devindo así en inútil toda a proba realizada", relata a sentenza.

"Mentres tanto –prosegue a resolución xudicial- o paciente continúa cos síntomas gravosos sinalados, e unha sensación (fundada) de desamparo na sanidade pública, nunha materia moi delicada na que un tratamento demorado en exceso pode agravar a enfermidade".

O doente acudiu en xaneiro de 2015 a un hospital privado no que lle confirmaron o diagnóstico e lle indicaron que se debía operar urxentemente, o que fixo o 11 de febreiro de 2015 no Hospital Quirón de Madrid, onde volveron operalo o 16 de marzo.

Danos materiais e morais 

O maxistrado considera probado que o diagnóstico e o tratamento adoptado foron correctos, e que "grazas a iso a saúde e a calidade de vida do demandante mellorou significativamente, cesaron a cefalea e a cervicalxia e mellorou a súa mobilidade".

A sentenza conclúe que "o Sergas incorreu nun funcionamento deficiente, determinativo de responsabilidade, polo atraso na cita para avaliar a proba da punción lumbar. Neste caso concreto ese atraso non era tolerable, nin xustificable, carecendo o actor do deber xurídico de soportalo. Como consecuencia del, houbo de acudir á sanidade privada, cos consecuentes danos e prexuízos, materiais e morais".

En todo caso, o maxistrado deixa claro que "a responsabilidade da Administración non se deriva dunha mala praxe dos médicos do Sergas que trataron ao paciente (non se constata ningún erro pola súa banda), senón dun deficiente funcionamento do Servizo de Neuroloxía do CHUOU no que ás listas de espera se refire”.

 

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top