As vítimas do Alvia esperan que se investigue a fondo e manteñen a porta aberta a novas imputacións

Seguirán "loitando por traer á causa" o informe pericial da Axencia Ferroviaria Europea - "Hai máis responsabilidades cás do maquinista", insisten

A decisión da Audiencia abre novas opcións procesuais, entre elas a posibilidade de que os avogados dos afectados pidan que declaren en calidade de testigos, ou de investigados, outros posibles responsables do accidente.

O presidente da Plataforma de Vítimas Alvia 04155, Jesús Domínguez, acolleu con satisfacción o auto da Audiencia Provincial e expresou a súa confianza en que con el se abra a posibilidade de novas imputacións. En declaracións a DXustiza, Domínguez remarcou a opinión xeralizada das vítimas de que "hai máis responsabilidades cás do maquinista".

Na súa opinión, o ocorrido foi una "tráxica e monumental chapuza" na que participaron técnicos e políticos, máis atentos a inaugurar sen demoras os tramos de alta velocidade cá velar polas medidas de seguridade en cada un deles.

Domínguez estendeu as súas críticas a Andrés Lago _o xuiz que pechou a instrución aberta por Luis Aláez_ e ao fiscal Antonio Roma, que mantiveron en todo momento a imputación única contra o maquinista Francisco José Garzón. Asegurou que as vítimas se sentiron "desamparadas" por eles nas súas demandas de xustiza, máis aló da reparación económica que se lles garantía.

Tamén arremeteu contra o actual ministro de Xustiza, Rafael Catalá, por non depurar ningún tipo de responsablidade no seu departamento tralo accidente, cando era secretario de Estado de Planificación e Infraestructuras do Ministerio de Fomento, e estar "máis pendente do negocio da alta velocidade ca do sufrimento das vítimas e as súas familias".

Informe europeo

A Plataforma espera que o novo auto xudicial podería dea pé a incorporar á causa o informe pericial da Axencia Ferroviaria Europea, máxima autoridade da UE en alta velocidade. Este documento, que ata o de agora non se fixo público por decisión da Comisión Europea, serviría para coñecer a opinión de este organismo sobre a independencia dos peritos da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) respecto de Renfe e Adif, segundo apunta o letrado da Plataforma, Manuel Alonso. O avogado lembrou que os representantes das vítimas xa se reuniron con responsables da Axencia, e "seguirán loitando por traer ese informe á causa".

Alonso manifestou a este diario a súa satisfacción polo auto da Audiencia, que "era de caixón", porque "non pode ser que o maquinista sexa o único responsable" do sinistro. O letrado considera que deste xeito "ábrese a porta a practicar novas probas", xa que a causa, en realidade, pechárase en falso ao non incorporar informes periciais que no seu día xa foran admitidos polo xuíz de instrución.

E entre eles, o máis relevante é, na súa opinión, o de Heijnen e Catmur, en representación da aseguradora de Renfe, QBE. "Cando un xuíz admite un informe pericial non é só que se incorporen á causa, senon que presten declaración os expertos" que o elaboraron, para poder aclarar calquera aspecto técnico da súa pericia, sinala o avogado da Plataforma.

Diferentes avaliacións de risco

Segundo recorda o auto da Audiencia, o informe dun dos dous peritos aos que lles permite ratificar agora as súas avaliacións, Enrique Castillo, conclúe unha taxa de risco nese tramo de 5,5 accidentes cada mil anos. "Unido tal grao de frecuencia _precisa a Sala_ ao da gravidade das eventuais consecuencias do perigo, que ha de considerarse sen dúbida como catastrófica _como o foi lamentablemente_, a conclusión derivable do criterio técnico expresado é que o risco debería considerarse non desexable".

En canto ao informe Heijen, a frecuencia de accidente na situación realmente existente "sería notabilísimamente superior, chegando ata unha cifra de probabilidade de descarrilamento que, simplemente, causa estupor examinada desde o que calquera cidadán medio consideraría esperable, pois segundo a probabilidade expresada no seu estudo, posta en relación co referido número de viaxes diarias nese sentido de circulación, era probable unha catástrofe como a ocorrida cada dous anos de explotación da liña, aproximadamente, o que leva a pensar _á parte da hipótese de erro_ que se trata dunha materia con acusadas marxes de opinabilidade". 

 

Top