Imprimir esta páxina

UN CONCELLO UTILIZADO, MOITOS AFECTADOS, por Toni Lodeiro

Toni Lodeiro, vendedor de dous pisos ao Concello da Coruña

Este texto reflicte o meu punto de vista e análise un ano despois do inicio da montaxe do “caso da compra de pisos ao afín da Marea”, orquestrada polo PP da Coruña e La Voz de Galicia.

RESUMO EXECUTIVO:

Unha campaña política, administrativa e mediática impulsada polo PP da Coruña e La Voz de Galicia acusoume falazmente de ter recibido trato de favor nun concurso público por ser simpatizante da Marea Atlántica.

Os traballadores municipais desmentiron contundentemente as acusacións, e a Fiscalía Provincial da Coruña ditou unha resolución que arquiva a denuncia do PP e desbota o relato dos feitos dese partido sobre o trato de favor.

• Respondendo fundamentalmente a motivos electoralistas e non aos intereses de Concello e cidadanía, PSOE e BNG sumáronse en numerosas ocasións á montaxe do PP

• O Goberno da Marea Atlántica, por idénticos motivos de imaxe e conveniencia política, situouse de perfil ante o conflito. Obviou en case todo momento tanto asumir a súa total responsabilidade nos hipotéticos erros cometidos no concurso pola administración local. E obviou tamén o seu deber de defender e protexer decididamente o meu dereito á participación democrática sen sufrir por elo un trato discriminatorio e moi graves prexuízos administrativos, económicos, e mediáticos derivados única e exclusivamente de batallas electorais. Prexuízos que os cidadáns non públicamente aliñados, ou aliñados con outras opcións políticas non padecen na súas relacións coa administración local, o que supón unha penalización implícita.

• Toda esta montaxe está a ter unha importante repercusión nas arcas públicas, no normal desenvolvemento das políticas municipais e no prestixio da institución. E nos lexítimos intereses de numerosos cidadáns (a parte máis indefensa e vulnerábel), que estamos a ver afectados os nosos dereitos, e a comprobar como os grupos políticos municipais están moito máis pendentes da súa imaxe electoral que de ter un comportamento xusto e ético, baseado na protección dos cidadáns máis vulnerábeis, e na responsabilidade no desempeño do servizo público.

VERSIÓN COMPLETA:

Teño relacións profesionais con administracións públicas (de cores diversas), sempre derivadas do meu recoñecemento como experto de referencia en consumo consciente. 

Son simpatizante da Marea Atlántica e doutras iniciativas municipalistas no Estado español. Teño participado e participo de expresións de apoio diversas (difusión en redes sociais e organización puntual dalgún evento) a estes proxectos. Mais nunca tiven unha participación continuada en ningún destes proxectos, nin teño desempeñado cargos orgánicos nin recibido salario ningún destas organizacións.

Defendo as políticas de vivenda pública, especialmente as que priorizan a vivenda usada fronte á nova construcción. Teño escrito sobre o tema (-páxinas 56 a 60-) e son afiliado ao Sindicato de Inquilinos de Barcelona.

Quero aclarar tamén de entrada que gardei silencio durante case un ano porque me custou moito dixerir todo o que foi acontecendo. Tampouco quixen alentar un proceso (a acusación de trato de favor) que, por ser simplemente 100% falso, pensaba que caería polo seu propio peso. Ademais sentía moita rabia polo que estaba a pasar, e polo papel dos diferentes actores, e queríame expresar desde certa distancia e perspectiva.

1- No 2017 presentei dúas propiedades miñas a un concurso público do Concello da Coruña destinado á compra de inmobles privados para fortalecer o parque público de vivenda en aluguer social. Trátase de dúas vivendas “humildes” froito dunha herdanza familiar recente.  

2- A finais de 2017 recibín unha oferta -por debaixo do prezo de mercado, segundo as taxacións realizadas polo propio Concello- e decidín aceptala, en parte pola miña simpatía polo obxectivo do concurso. 

3- Non participei directamente no proceso, que foi integramente xestionado por un familiar (eu vivo en Cataluña desde hai dez anos). Non informei en momento ningún a ninguén da Marea Atlántica da miña participación no concurso. Como informou o persoal municipal, a persoa que me representaba colaborou en todo momento coa administración ofrecendo toda a información que lle foi requirida pola Administración.

4- A finais de xaneiro de 2018 o PP da Coruña e La Voz de Galicia comezan unha intensa campaña mediática, administrativa, política e xudicial denunciando que o feito de que dúas das seis propiedades adquiridas polo Concello tivesen sido compradas a un afín ao Goberno era un síntoma inequívoco de trato de favor. 

5- En febreiro de 2018 ocorreu algo moi extraordinario: os funcionarios encargados do proceso publicaron un contundente comunicado negando coñecerme previamente (nin a ninguén da miña familia), e negando tamén calquera influencia de cargo político ou de confianza ningún durante todo o proceso. 

6- En febreiro de 2019 a Fiscalía Provincial da Coruña arquivou a denuncia do PP, por non existir  "ningún dato do que poida derivarse conivencia dos seus compoñentes (da Comisión Municipal de Valoración, composta por traballadores públicos) cos denunciados (os Concelleiros acusados de trato de favor)"

7- Non é un caso illado. O PP local persegue por sistema (polas vías mediática, administrativa, e ás veces xudiciall) calquera relación normal coa administración local das persoas relacionadas co partido que goberna o Concello. Unha denominación que para min ilustraría ben podería ser algo así como “filibusterismo administrativo”, entendido como un uso “obstrucionista” do normal funcionamento das administracións públicas que só obedece a espurios intereses partidistas. 

8- O uso indiscriminado de campañas como esta polas vías administrativa e xudicial implica un importante abuso de recursos públicos que todos pagamos cos nosos impostos (continuos recursos e procesos administrativos, peritaxes, revisións, comisións e plenos municipais extraordinarios, servizos xurídicos municipais, Consello Consultivo de Galicia, tribunais… decenas, ou quizais centos de milleiros de euros públicos malgastados?).    

9- Este tipo de campañas implican unha persecución selectiva ás persoas politicamente comprometidas con determinadas opcións (con cal sexa en cada caso é o de menos). Isto supón unha traba ao dereito democrático á participación política, e un trato discriminatorio a unha parte da cidadanía a cargo dos servizos públicos. Algunhas persoas próximas a diversos iniciativas municipalistas galegos téñenme dito nestes meses que “como se me tiña ocorrido participar nun concurso público municipal sabendo como está o patio”, e téñenme explicado que coñecen xente que o evita para aforrar problemas.

10- Por parte do Concello da Coruña sentín desprotección e desamparo. Recibía todas as novas pola prensa antes que calquera comunicación oficial, ninguén se puxo en contacto comigo para explicar a situación, e negóuseme audiencia por parte do Concelleiro, malia ser seguramente o cidadán anónimo máis prexudicado nos últimos anos, tanto a nivel económico como de imaxe pública, por unha montaxe partidista. En todo momento parecía pesar moito máis no goberno local o medo ao dano electoral (que non puidese dar a impresión de que defendía os intereses “dun afín”), que non amparar a un cidadán afectado e defender o seu dereito a recibir un trato “normal e proporcional” por parte da administración.

11- Na actuación de PSOE e BNG só vin oportunismo. Viron no caso unha oportunidade para sumarse a desgastar electoralmente ao Goberno, sen amosar preocupación ningunha polos efectos nos veciños da cidade do seu proceder.  

12- Despois de meses de buscar e buscar, atopáronse erros técnicos cometidos por parte do Concello no proceso de selección e compra de cinco dos seis inmobles adquiridos. Erros técnicos, polo tanto, xeneralizados no concurso e non restrinxidos ao meu caso. Nada que ver entón cun trato de favor a min como persoa simpatizante da Marea Atlántica. Nin que dicir ten que o PP segue reclamando a anulación dos dous procesos de compra que teñen que ver comigo, sen interese ningún polo resto de casos (afortunadamente para os outros veciños afectados). O interese pola “perfección” dos procesos administrativos parece nulo cando non serve para sacar votos.

Prexuízos min e outros cidadáns:

a)- Grandes atrancos ao normal funcionamento das políticas públicas e os procesos administrativos, mal uso de recursos públicos a cargo dos nosos impostos, e penalización do dereito á participación democrática a través da persecución selectiva aos militantes e simpatizantes de certos partidos. 

b)- O desprestixio e a desconfianza xeradas na institución municipal e nos seus traballadores

c)- A miña familia e máis eu levamos aturando unha intensa campaña mediática con consecuencias emocionais e incluso laborais (eu traballo para administracións públicas, é fácil que un concello galego gobernado por unha “Marea” tivese medo a contratar os meus servizos). Xa comezaron os gastos en avogado para os recursos administrativos e, previsiblemente, temos para anos de procesos xudiciais.

d)- No peor dos casos eu tería que acabar recuperando os pisos e véndome obrigado a devolver ao Concello os 145.865 € recibidos, dos que non dispoño por telos investido na compra dunha vivenda habitual onde resido. De onde saca unha persoa corrente 145 mil €? Terei que pedir un préstamo hipotecando a miña vivenda e tendo que pagar xuros ao banco por un erro da administración do que non son responsábel? De darse ese caso sería unha repercusión gravísima para min, e unha flagrante mostra de inseguridade xurídica. E o máis triste e inxusto, é unha flagrante inseguridade xurídica única e exclusivamente derivada da miña participación política. SE O CONCELLO OU O GOBERNO LOCAL COMETERON ALGÚN ERRO NALGUNHA DECISIÓN ADMINISTRATIVA, SÚA DEBERA SER A PLENA ASUNCIÓN DAS CONSECUENCIAS. A decisión foi tirar pelotas fóra para lavar a cara, con serios e inxustos prexuízos para cidadáns que non teríamos porque padecer o que estou a explicar. 

e) A un dos pisos que eu vendín fáltalle centímetro e medio para a altura mínima (2,50 m) para ser recoñecido como vivenda (sóubose no proceso de revisión das compras). Foi comprado pola miña nai en tempos da burbulla inmobiliaria e de descontrol das administracións, que nin informaban nin amparaban os dereitos das persoas consumidoras. Unha vivenda idéntica á miña foi regularizada como tal polo PP local cando gobernaba en 2011. O que demostra que os presuntos problemas de altura e a defensa da legalidade só teñen relevancia para ese partido cando lle supoñen unha oportunidade electoral. De agora en diante, en consecuencia, a vara de medir cambiará para todos os veciños.

Na mesma rúa do piso máis polémico hai moitos pisos na mesma situación. Cantos centos de vivendas na cidade verán gravemente afectado o seu futuro legal e xa non poderán ser regularizadas por uns intereses partidistas concretos e de curto percorrido? Quen defende os intereses duns afectados que tampouco foron protexidos cando o sector inmobiliario campaba ás súas anchas coa permisividade dos gobernos locais?

En Salamanca outro caso de aplicación estrita e moi pouco ponderada da normativa urbanística está a crear un serio problema a 800 propietarios de vivendas e á administración local.

A única solución podería pasar porque as persoas afectadas nos organicemos para sacar á luz e defender colectivamente os nosos lexítimos e xustos intereses e o dereito a un trato xusto, e a unhas posicións políticas en favor dos cidadáns e non dos intereses electorais dos partidos. Estes dereitos están a ser hoxe ignorados pola cegueira dos grupos políticos municipais con representación no Concello da Coruña, unidos polo electoralismo, sempre miope e curtopracista, como principal motor da súa práctica neste caso (malia o moi diferente nivel de irresponsabilidade duns e outros). 

Toni Lodeiro

Marzo de 2019. La Floresta (Sant Cugat del Vallès), Barcelona.