Segundo o Real Decreto Lei de medidas urxentes de protección de consumidores en materia de cláusulas chan indebidas, aprobado polo Consello de Ministros, os bancos terán que devolver en efectivo as cantidades cobradas de máis aos seus clientes pola aplicación de cláusulas de chan nas súas hipotecas.
A entidade pode tamén ofrecerlle ao usuario outras fórmulas de compensación como a amortización parcial do capital do préstamo, a redución das cotas ou a novación do contrato, pero nestes casos o cliente terá un prazo de 15 días para estudiar a proposta e deberá facer constar por escrito que a comprende claramente.
Prazo e cálculo
O decreto outórgalles as entidades financeiras un prazo dun mes para poñer en marcha a vía extraxudicial e de tres meses para chegar a un acordo co cliente afectado.
As entidades bancarias deberán remitirlle aos clientes que presenten reclamación un cálculo no que se exprese a cantidade obxecto de devolución. De non considerar procedente a reclamación, deberán razoar as causas desta negativa.
Vía xudicial e custas
Os afectados poderán acudir á vía xudicial en caso de desacordo co banco. Neste caso, se a sentenza que se dite é economicamente máis favorable para el, a entidade será condenada en custas.
O consumidor tamén pode formular demanda xudicial directamente, sen acollerse ao sistema proposto polo decreto. Nesta opción, se a entidade paga a cantidade indebidamente cobrada antes do trámite de contestación á demanda, non será condenada en custas.
Para aqueles que teñen demandas xa abertas, as partes poderán solicitar, de común acordo, a suspensión do procedemento para acollerse á solución extraxudicial.
Efectos fiscais
En canto aos efectos fiscais que a devolución destas cantidades terá para os afectados, está previsto que estes teñan que reintegrar a Facenda o exceso da dedución por vivenda no IRPF no caso de que se beneficiaran dela.
Pola contra, non terán que tributar polos intereses de demora que perciban do banco en virtude do tempo transcorrido entre a aplicación da cláusula solo e a súa devolución.
Tampouco se lles impoñerán sancións, recargas ou intereses de demora polo atraso que poida producirse na súa regularización fiscal, e non terán que declarar en renda polas cantidades devoltas, sexa por vía xudicial ou extraxudicial.