TRES MESES DE ‘DECRETAZO’, por Manuel Pérez Arias

 

Téndose cumpridos o pasado 21 de maio, tres meses desde a entrada en vigor do procedemento instaurado polo Goberno do Estado, a través do Real Decreto Lei 1/2017 de 20 de xaneiro, para a solución extraxudicial das cláusulas chan, e tal e como anunciabamos desde ACOUGA, os resultados son máis que decepcionantes, desastrosos para os afectados.

As entidades bancarias, por regra xeral, non están dando resposta ou esta non é satisfactoria para os damnificados que optaron por esta solución, polas ínfimas cantidades ofertadas.

Por que non funciona o Real Decreto? Á vista dos datos aportados polos milleiros de afectados atendidos por ACOUGA, e dependendo da entidade bancaria, son varias as reviravoltas empregadas diante das solicitudes presentadas:

Ofertas á baixa. Entre un 60 e 80% menos do que se obtería, previsiblemente, cunha sentenza xudicial.

Respostas verbais. A pesares de que o Real Decreto obriga a contestar por escrito, de xeito que non queda constancia da oferta realizada, nalgúns casos mesmo empregando coaccións do tipo "ou isto, ou ren".

Rexeitamentos. Rexeitan directamente as reclamacións.

Non contestan. Ignoran directamente a reclamación, nin fan oferta, nin comunican o rexeitamento.

ABANCA, entidade de referencia na Galiza, aplica os seus propios, por dicilo de algún xeito, "criterios":

Nuns casos proceden á devolución do que lle correspondería ao cliente con variacións pouco relevantes, aínda que á baixa e sempre sen aplicar os xuros de demora correspondentes. Digamos que se aforran aproximadamente un 10% do que deben. Ás veces, mesmo proceden ao ingreso, aínda sendo rexeitada a oferta polo cliente.

Noutros casos, a quen considera “clientes cualificados”, aplícalles un "desconto", ofertando entre o 75% e o 25% das cantidades que teñen que devolver, sen que se xustifique esa diferencia de trato, tendo en conta que as cláusulas chan desta entidade xa foron declaradas nulas pola sentenza do Tribunal Supremo de 9 de maio de 2013 e o que se está a reclamar é a súa retroactividade.

En ambos casos, ABANCA non explica nunca o detalle dos seus cálculos nin aceita revisalos, forzando de feito aos clientes a aceitar o que lle ofrecen ou ir ao xulgado.

Esta situación, que máis semella unha mofa cara aos seus clientes que vontade de resolver amigablemente o contencioso, vén a producir nos afectados sensación de duplo abuso e desamparo.

Así pois, desde ACOUGA lembramos que nos procedementos xudiciais as sentenzas están condenando aos bancos, na maioría dos casos, ao pago das costas xudiciais e recomendamos, unha outra vez, que os afectados polas cláusulas chan demanden xudicialmente para poder recuperar o 100% dos cartos pagados indebidamente desde o inicio do préstamo.

Cómpre, pois, que antes de tomar unha decisión os consumidores se informen e asesoren para defender axeitadamente os seus dereitos.

 

Manuel Pérez Arias

Presidente da Asociación Galega de Consumidores e Usuarios Acouga

Top