Anulada outra adquisición de accións con condena ao banco a pagar as custas

Pérez-Lema prognostica a estimación de centenares de demandas nos próximos meses

Outro xulgado de Primeira Instancia de Vigo, o número 1, acaba de anular unha compra de accións correspondentes á ampliación de capital de 2016 do Banco Popular, a quen, ademais, condena a pagar as custas de avogado, procurador e perito ás que o pequeno investidor tivo que facer fronte no procedemento civil.

Segundo a xuíza, o Popular non ofreceu na súa contestación á demanda “explicación probada que xustifique a súa dispar situación económica antes e despois da emisión” de accións.

A entidade, hoxe propiedade do Santander, alegou que no seu día informouse aos accionistas dos riscos propios deste tipo de produtos, pero a xuíza entende que a seguridade dos valores descansa, entre outros factores, na propia solvencia da entidade, e que “a variabilidade xeral dos valores de empresas consolidadas oscila en rangos moi inferiores ao sufrido polos accionistas do Banco Popular, con anulación e perda total do investimento”.

A sentenza, que pode ser recorrida perante a sección civil viguesa da Audiencia Provincial de Pontevedra, precisa que o Popular “incumpriu a obrigación de dar unha información fiel da súa situación financeira aos contratantes de accións”, de modo que se produciu un erro invalidante do consentimento que xustifica a anulación da compra, con devolución dos 5.059 euros investidos e os intereses legais desde a súa adquisición.

Xoán Antón Pérez-Lema, que dirixiu a demanda, prognostica para os próximos meses “centenares de anulacións de compra de accións do Popular en toda Galicia”. 

 

Top