Traballar na casa e competir nun mundo de homes

Pilar Fernández sinala tres factores ben enraizados na sociedade que, “aínda que non son obxectivamente comprobables”, si poden axudar a explicar o afastamento da muller dos postos directivos, e non só no ámbito xudicial.

O primeiro deles é a dificultade de compatibilizar as responsabilidades profesionais e familiares, o que desanimaría ás mulleres a presentarse como candidatas a postos de responsabilidade.

Tamén xogaría na súa contra o maior nivel de esixencia das mulleres, que, sabendo que compiten nun entorno hostil de prototipos case exclusivamente masculinos, “non se postulan para determinados postos por se consideraren pouco capacitadas”, ao non posuír o perfil de quen os ocuparon antes.

Cabe lembrar, a este respecto, que nas últimas provisións de xefaturas fiscais en Galicia _xefaturas de Vigo, Lugo, Ourense e Fiscalía Superior_ só á de Vigo concorreu unha muller, que ademais resultou elixida para o cargo.

Fotografía del Consejo Fiscal
Consello Fiscal presidido por Consuelo Madrigal         FGE

Por último, a fiscal apunta á existencia de “redes informais de poder masculino ás que os homes que as integran destinan unha gran cantidade de tempo e recursos, e nas que se resolven a meirande parte dos nomeamentos de confianza”. Trátase dun “circulo pechado ao que as mulleres resúltalles moi difícil e moi pouco atractivo pertencer”.

Con todo, a fiscal sinala o avance “en visibilidade e representatividade da muller” que supuxo a designación de Consuelo Madrigal como Fiscal Xeral do Estado e, en xeral, de todas cantas son nomeadas para calquera xefatura.

Pilar Fernández formou parte do Consello Fiscal como vogal entre 2012 e 2014 tras ser elixida como candidata da Unión Progresista de Fiscais (UPF). Unha das súas iniciativas foi, precisamente, a de propoñer a elaboración dun plan de igualdade que puxera de manifesto a situación que viven as mulleres fiscais e arbitrara modificacións e correccións nos procedementos de acceso ás xefaturas, entre outras medidas encamiñadas a democratizar e facer transparentes os procedementos internos da Carreira Fiscal.

Un dos problemas aos que se enfrontaban as mulleres naquela etapa era o propósito do Ministerio de Xustiza de non cubrir as baixas por maternidade con substitutos externos. Mesmo a algunha compañeira se lle privou dunha parte do soldo que lle correspondía durante o período de baixa, por ter ascendido á categoría de segunda nese período de tempo.

E é que a igualdade formal avanza moito máis lentamente cá desigualdade real. 

Top