A situación creada pola aplicación da Lecrim non só afecta á tramitación das causas penais, senón que está provocando un enfrontamento crecente entre os letrados da administración de xustiza (antigos secretarios xudiciais) e os fiscais, nun cruce de acusacións que semella non ter fin.
A semana pasada, os letrados xudiciais pedían a dimisión da fiscal xeral do Estado, Consuelo Madrigal, por afirmar que a Fiscalía só podería garantir a revisión dos asuntos dos que se lle dera traslado, e mesmo apuntara a posibilidade de que apareceran causas perdidas ata agora polos xulgados.
Onte, o presidente da Unión Progresista de Fiscais (UPF), Álvaro García Ortiz, denunciaba o "escandaloso" envío masivo de causas ás fiscalías rexistrado desde o venres pasado, nunha estratexia para facer recaer no Ministerio Público a responsabilidade dun eventual incumprimento do prazo de revisión.
E hoxe, ao través das redes sociais, o Sindicato de Letrados da Administración de Xustiza (Sisej), cualificaba de "irresponsables, incertas e fóra de lugar as acusacións do presidente da UPF" e lle esixía "unha rectificación". A resposta da UPF non se fixo esperar: "Quen debera rectificar é o Ministerio, e non facernos aos demais, vós e nós, responsables da súa ineficacia".
Por se fose pouco, o Sisej fixo pública unha nota na que, logo de facer un chamamento a "acabar cos ataques entre colectivos xudiciais", avogaba por "reprobar a actuación da fiscal xeral pola sombra de dúbida” que proxectou sobre a colaboración do corpo de letrados coa Fiscalía.
O Sindicato reclamoulle tamén ao Ministerio de Xustiza que regule a colaboración entre fiscalías e órganos xudiciais, pero emprazou ao seu titular en funcións, Rafael Catalá, a "asumir responsabilidades ante os múltiples exemplos das consecuencias dunha deficiente técnica lexislativa, un recurso a slogans" e unha xestión "torpe e apresurada" na aplicación da Lecrim.
Este é, a unha semana de vencer o prazo que marca a lei para a revisión de centos de miles de causas _ao final saberase exactamente cantas_ que afectan a milleiros de cidadáns, o saldo provisional da reforma lexislativa impulsada por Catalá, e que entrou en vigor o pasado 5 de diciembre.