"O problema de base chámase Facultade de Dereito"

"O problema de base chámase Facultade de Dereito", afirma con rotundidade quen leva dez anos normalizando o uso do galego no Colexio de Avogados de Santiago. O seu decano, Evaristo Nogueira, ten claro que o primeiro que falla é a canteira dos futuros operadores xurídicos, e que non abonda logo con todo o que se leva feito desde a institución colexial se non existe "unha conciencia de base".

O avogado está convencido de que "mentres nas facultades de Dereito non se fale en galego, pouco se avanzará" na súa incorporación ao ámbito xurídico-xudicial. E insiste en que cómpre forxar nesa etapa formativa "un compromiso co idioma", coa impartición de "polo menos menos unha materia, aínda que sexa trimestral".

Nogueira, que a semana que vén deixará o Decanato logo de 15 anos intensos á fronte da entidade, amósase satisfeito da "experiencia pioneira" que supuxo introducir o galego na vida colexial.

Hoxe en día, todas as notificacións aos colexiados fanse no idioma do país, no que tamén fala a propia páxina web dun Colexio que acolle todos os anos as xornadas sobre a situación da lingua na Administración de Xustiza.

Ademáis, a institución conta cun lingüista no seu cadro de persoal, o que lle permite ofrecerlle aos colexiados un servizo permanente de tradución e cursos de uso do galego xurídico.

O decano afirma que o galego está neste momento "totalmente normalizado" na actividade diaria do Colexio, e asegura que en ningún momento houbo que vencer resistencia algunha por parte dos colexiados.

En canto á situación actual na Administración xudicial, mantén unha "diagnose negativa", e aínda que recoñece un certo avance no uso do galego oral, sobre todo nas declaracións perante os xulgados de instrución, é consciente de que na lingua escrita o proceso normalizador vai aínda máis lento e non minora o "desequilibrio abismal entre galego e castelán".

"Aínda que cada día pasa menos, non é xusto que a testemuña crea que ten que falar castelán ante o xuíz, aínda que non saiba expresarse ben nese idioma", di Nogueira, que atribúe esta situación á terminoloxía especializada e complexa propia do ámbito xurídico.

O decano dos avogados composteláns recoñece o apoio de Política Lingüística ao colexio, co que mantén o convenio que lle permite ofrecer o servizo lingüistico aos colexiados, pero pide incrementalos tamén nos xulgados e que se fagan máis campañas de promoción do uso do galego.

 

 

Top