Xoves, 09 Xuño 2016 21:00

Unha xuíza rexeita prorrogar unha causa por que o retraso "pola penosa falta de medios" da xustiza non é un feito sobrevido

Valora este artigo
(5 votos)

O auto afirma que "o lexislador decidiu non arbitrar" dotación alguna que fixese posible que a reforma da Lecrim "fose unha realidade"

Avisárano os avogados o pasado día 3 desde estas mesmas páxinas e asumíano ao día seguinte os fiscais: os desaxustes e consecuencias da precipitada aplicación do artigo 324 da Lei de Axuizamento Criminal (Lecrim) non rematarían o día de 6 de xuño; máis ben esa era a data a quo do quedaba por vir.

Nun contundente auto ditado xa o pasado 30 de maio, á titular do Xulgado de Instrución número 2 de Lugo, Sandra Piñeiro, abóndanlle 40 liñas para denunciar as eivas da xustiza española en xeral (e as da Lecrim en particular) á hora de denegar unha solicitude fiscal de complexidade para unha causa de 2008, para a que agora se pretendía unha prórroga de 18 meses.

Para a xuíza non se dá "ningunha circunstancia sobrevida que faga que a instrución non poida razoablemente completarse no prazo de seis meses". E explica deseguido que non se poden considerar como tales "as dilacións que poden producirse como consecuencia da falta de medios que padece a Administración de Xustiza no noso país, pois dita circunstancia xa era plenamente coñecida polo lexislador ao reformar o artigo 324" que limita os prazos de instrución.

Auto do Xulgado de Instrución 2 de Lugo ditado pola xuíza Sandra Piñeiro
Auto do Xulgado de Instrución 2 de Lugo                 DX

No mesmo ton demoledor, o auto prosegue dicindo que, malia esta penuria de recursos materiais e humanos, o lexislador (o ministro de Xustiza en funcións, Rafael Catalá, e a maioría gobernamental do PP nas Cortes, neste caso) "decidiu non arbitrar ningún medio para que a reforma" da Lecrim, "no referente ao acurtamento da duración dos procedementos xudiciais, fose unha realidade".

E salienta, reproducindo as numerosas críticas dos operadores xudiciais á falta de dotación orzamentaria da reforma lexislativa, que "así se evidencia na disposición adicional única da lei, que dispón que as medidas incluídas nesta norma non poderán supoñer incremento de dotacións de persoal, nin de retribucións, nin doutros gastos de persoal".

Con respecto aos supostos que inclúe o artigo 324 para declarar a complexidade dunha causa, o auto enumera, un por un, os que non se dan neste caso, xa que o procedemento "nin recae sobre grupos ou organizacións criminais, nin ten por obxecto numerosos feitos punibles, nin involucra a gran cantidade de investigados ou vítimas, nin tampouco esixe a realización de pericias ou de colaboracións solicitadas polo órgano xudicial que impliquen o exame de abundante documentación ou complicadas análises".

Chegado a este punto, a resolución xudicial afirma categoricamente que a expresión legal complicadas análises "non pode confundirse con que, pola penosa falta de medios que tamén teñen os Institutos de Medicina Legal ou o Instituto Nacional de Toxicoloxía e Ciencias Forenses ou as unidades de policía xudicial e científica que han de elaboralos, un sinxelo informe poida tardar meses e, mesmo, anos en ser realizado".

"A calquera prezo"

A xuíza, disposta a non deixar nada no tinteiro, acaba de debullar o resto dos supostos incluídos na Lecrim e que non se cumpren no caso de autos que ten entre mans, xa que "tampouco son precisas actuacións no estranxeiro nin a revisión da xestión de persoas xurídico-privadas ou públicas e, desde logo, tampouco se investiga un delito de terrorismo".

E dado que nin causas taxadas nin circunstancias sobrevidas concorren neste caso "chegaremos á conclusión _suliña a xuíza_ de que, se queremos respectar a vontade da lei, que non é outra que acurtar, a calquera prezo, a duración dos procesos penais, non procede declarar a complexidade pretendida polo Ministerio Fiscal".

En declaracións a DXustiza, e preguntada pola instrución da Fiscalía Xeral de que se solicitase a complexidade para todas aquelas causas que non se puidesen revisar en prazo, Sandra Piñeiro está igualmente convencida de que esa circunstancia "non se podería considerar sobrevida" por razóns semellantes ás xa recollidas no seu auto. A petición estaría condenada, xa que logo, á denegación por parte do xuíz.

En todo caso, como recolle o propio artigo 324, "contra o auto que desestima a solicitude de prórroga non caberá recurso, sen prexuízo de que poida reproducirse esta petición no momento procesual oportuno".

 

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top