Venres, 08 Xullo 2016 20:31

Arquivada a denuncia contra Rita Barberá por negarse a retirar vestixios franquistas en Valencia cando era alcaldesa

Valora este artigo
(3 votos)

A vía penal só podería abrirse no caso de que unha administración incumprise a sentenza que lle obriga a retirar esa simboloxía 

Cun considerable atraso con respecto a medio centenar de denuncias penais pola mesma causa, o Tribunal Supremo vén de arquivar a formulada contra a senadora do PP Rita Barberá por delitos de desobediencia e denegación de auxilio, e subsidiariamente por unha falta contra a orde pública, por non retirar os símbolos do franquismo na cidade de Valencia durante o seu mandato como alcaldesa.

A Sala rexeita a denuncia por non ser os feitos constitutivos de delito, na mesma liña que fixo nos últimos anos con denuncias similares contra outros alcaldes que eran ademais senadores e por tanto aforados, como o de Zaragoza, Juan Alberto Belloch, ou Almería, Luís Rogelio Rodríguez Comendador.

No caso de Barberá, a súa elección como senadora o pasado 20 de decembro e, por tanto, a súa nova condición de aforada, demorou a resolución deste asunto, que no seu día foi remitido polo Tribunal Superior de Xustiza da Comunidade Valenciana ao Tribunal Supremo.

O Supremo destaca que a Lei de Memoria Histórica de 2007 recolle a obrigación xenérica das Administracións Públicas de adoptar medidas que permitan a retirada de obxectos conmemorativos da Guerra Civil e da ditadura franquista, pero na denuncia non se relata que se dera unha orde directa e expresa á entón alcaldesa Rita Barberá para tomar medidas e retirar eses símbolos en cumprimento da devandita Lei, nin tampouco que ela se negase a cumprir esa orde previa.

"Ambos os dous elementos, a existencia dunha orde expresa e a negativa posterior ao seu cumprimento, resultan necesarios para apreciar o delito invocado, é dicir, para outorgar relevancia penal aos feitos", precisa o auto.

Do mesmo xeito, tampouco hai constancia de que a ex alcaldesa recibise unha orde concreta e específica para, en cumprimento da mesma Lei, realizar un catálogo de vestixios da Guerra Civil e a ditadura. A denuncia contra Barberá foi formulada por dous dirixentes do PSOE valenciano e o avogado Eduardo Ranz.

Do contencioso ao penal

O letrado recoñeceu a DXustiza que "a vía penal está completamente descartada" no que incumbe ao incumprimento das previsións contidas na lei, neste caso concreto no seu artigo 15, que exhorta ás administracións públicas a retirar "escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da Ditadura" e a elaborar "un catálogo de vestixios relativos á Guerra Civil e a Ditadura".

Eduardo Ranz sinala como unha das carencias máis notables da lei o feito de que non inclúa un capítulo sancionador contra o seu incumprimento, que desa forma "sáelles gratis" a quen non acatan as súas disposicións. A normativa é aínda máis precaria á hora de determinar a que instancias se debe acudir para denunciar estes casos, se á vía administrativa ou á xudicial, nesta última circunstancia a través dun recurso contencioso-administrativo.

Este é o caso da recente sentenza dun xulgado do Contencioso de Valladolid, que obriga ao Concello de Olmedo a elaborar o citado inventario de vestixios franquistas e a retiralos do municipio.

O avogado, que nesta ocasión si viu prosperar a súa demanda, precisa que o goberno local de Olmedo ten a obriga de executar a sentenza no prazo de dous meses. De non facelo, o alcalde podería enfrontarse a unha denuncia penal por incumprir a resolución xudicial.

 

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top