Luns, 18 Xullo 2016 12:55

Fiscais e xuíces progresistas condenan a persecución que están a sufrir preto de 3.000 colegas por parte do goberno turco

Valora este artigo
(5 votos)

O comisario europeo de Política de Veciñanza e Ampliación está convencido de que a listaxe de profesionais depurados "estaba preparada" de antemán

A Unión Progresista de Fiscais (UPF) e Xuíces para a Democracia (XpD) fixeron público hoxe un comunicado no que "condenan enerxicamente" a decisión do Consello Superior dos Xuíces e Fiscais de Turquía de expulsar da súa carreira profesional a miles de xuíces, xuízas e fiscais e de deter a centos deles, no que supón un "brutal ataque á independencia do poder xudicial" en aquel país horas despois da tentativa frustrada de golpe de estado.

As asociacións progresistas consideran que esas medidas represivas "foron realizadas fóra de todo proceso legalmente establecido", negan que os seus colegas turcos puidesen estar implicados na conspiración golpista e manifestan a súa estrañeza por que "en tan só unhas horas as autoridades turcas elaborasen unha listaxe de preto de 3.000" membros das carreiras xudicial e fiscal agora depurados.

Comparecencia pública do presidente turco Recep Tayyip Erdogan
Comparecencia pública do presidente turco Erdogan DX

En varias ocasións, a última delas o pasado mes de maio, a asociación de Maxistrados Europeos pola Democracia e as Liberdades (Medel), UPF e XpD advertiran dos crecentes ataques do goberno turco de Recep Tayyip Erdogan á independencia do Poder Xudicial. "Con todo, todos estes avisos, que foron enviados no seu momento ás institucións europeas foron ignorados, e finalmente creouse o ambiente propicio para que o executivo, de maneira arbitraria", redobre as súas accións contra xuíces e fiscais.

As dúas asociacións sinalan que o apoio de Europa ao goberno democraticamente elixido en Turquía non implica que este non respecte o estado de dereito, e instan as autoridades comunitarias a non gardar silencio ante este ataque do executivo turco "aos valores europeos fundamentais".

"A seguridade non se constrúe sobre a brutal violación dos dereitos fundamentais nin socavando a independencia do poder xudicial, nin aproveitando  o silencio das institucións democráticas internacionais", din UP e XpD, que emprazan a todas as institucións do Consello de Europa e da Unión Europea "a condenar enerxicamente o brutal ataque do goberno turco á independencia do poder xudicial" e a esixir a inmediata  liberación e restitución de quen foi "arbitrariamente cesados e detidos sen o respecto ao proceso debido e aos seus dereitos fundamentais".

Listaxe preparada de antemán

Pola súa banda, o comisario europeo de Política de Veciñanza e Ampliación, Johannes Hahn, afirmou hoxe que as autoridades turcas tiñan preparada unha lista de xuíces aos que depurar como represalia tras o intento de golpe de estado na noite do pasado venres ao sábado.

"Estou moi preocupado. É exactamente o que nos temiamos", indicou Hahn á súa chegada ao Consello de Ministros de Exteriores da Unión Europea (UE), no que se abordará a situación en Turquía. O comisario austríaco lembrou que, tras o levantamento dun sector dos militares turcos, a Unión Europea pediu que as consecuencias estivesen "en liña cos estándares internacionais do Estado de dereito".

"E o que vemos non se cumpre realmente", sinalou o comisario, quen está convencido de que "algo foi preparado" antes do golpe. "As listaxes -subliñou-, que xa estaban dispoñibles xusto despois deste acontecemento, indican que algo estaba preparado, que en certo momento terían que ser utilizadas".

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top