Luns, 23 Mai 2016 10:00

Xuíces e fiscais progresistas europeos alertan do perigo de substraer do control xudicial o acordo comercial con EEUU

Valora este artigo
(0 votos)

Advirten contra ameaza que para a liberdade dos cidadáns suporía unha "vixencia ilimitada" dos estados de emerxencia para loitar contra o terrorismo

As asociacións Maxistrados Europeos pola Democracia e as Liberdades (Medel), Unión Progresista de Fiscais (UPF) e Xuíces para a Democracia (JpD) alertan hoxe nun comunicado conxunto do perigo que supón substraer do control xudicial dos Estados nacionais os conflitos xurídicos que poidan xurdir na aplicación do futuro acordo de libre comercio (TTIP, Tratado Transatlántico de Comercio e Investimentos) "que están a negociar secretamente" a Unión Europea e os Estados Unidos.

Co gallo da conmemoración do 24º cabodano do asasinato do xuiz Giovanni Falcone pola Mafia en 1992, que Medel instituíu como Día da Alerta, os asinantes do comunicado denuncian a posible creación dun sistema de resolución de conflitos alleo ao control xudicial dos países, o que supón equiparar ás corporacións multinacionais cos Estados soberanos, baseándose "na errónea presunción de que os tribunais nacionais non poden outorgar protección xurídica efectiva aos investidores estranxeiros". 

Consideran que "todos os cidadáns europeos deberían estar seriamente preocupados por esta proposta", xa que un tribunal de arbitraxe privada que substitúa aos dos Estados "non pode establecerse máis que para favorecer os intereses da cobiza corporativa multinacional", concedéndolles ás multinacionais privilexios como o de impoñer sancións aos Estados e non seren responsables ante os cidadáns, "ao non ter que cumprir coas regras do xogo democrático e non afrontar as consecuencias sociais das súas decisións".

Medel, UPF e JdD cren así mesmo ameazada a liberdade dos cidadáns europeos coa utilización de medidas excepcionais para loitar contra o terrorismo, que "non pode converterse nunha escusa para prolongar os estados de emerxencia con vixencia ilimitada".

En canto á crise dos refuxiados e ao "vergoñoso" acordo entre a UE e Turquía, denuncian que se formalizou "esquecendo intencionadamente que o goberno turco non respecta a separación de poderes e a independencia do poder xudicial", o que se traduce no traslado de xuíces e fiscais sen o seu consentimento, na prisión e  e destitución dalgúns e nas declaracións públicas contra os xuíces realizadas polo presidente do país.

Polo que atinxe a España, as asociacións poñen o acento na endémica de precariedade de medios materiais e humanos e na "perda progresiva de liberdades e dereitos sociais e políticos e nun proceso penal insustentable na súa actual concepción".

 

(Comunicado íntegro no arquivo adxunto)

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top