Luns, 18 Xuño 2018 13:04

Urdangarín ingresa no centro penitenciario de Brieva (Ávila) para cumprir a condena por corrupción que lle impuxo o Supremo

Valora este artigo
(1 Voto)

Aplicaráselle o réxime ordinario, e ata cumprida a cuarta parte da pena (ano e medio) non poderá acceder ao réxime aberto que comporta o terceiro grao

O cuñado do Rei e esposo de Cristina de Borbón, Iñaki Urdangarín, ingresou esta mañá no centro penitenciario de Brieva (Ávila), logo de ser condenado polo Tribunal Supremo a 5 anos de 10 meses de prisión por malversación, prevaricación, fraude, dous delitos fiscais e tráfico de influencias como responsable do Instituto Nóos.

O lugar elixido polo reo para cumprir condena trátase dun centro para mulleres que incorpora tamén un pequeno módulo para homes.

En dous meses, Urdangarín poderá acceder ao segundo grao penitenciario, é dicir, o réxime ordinario que se lles aplica "aos penados en quen concorren unha circunstancias persoais e penitenciarias de normal convivencia, pero sen capacidade para vivir polo momento en réxime de semi-liberdade", segundo precisa o artigo 72.1 da Lei Orgánica Xeral Penitenciaria.

O réxime ordinario apunta ao traballo e a formación como actividades básicas na vida dun centro penitenciario. O horario e calendario de actividades son fixados polo consello de dirección, "respectando diariamente oito horas de descanso e dous para asuntos propios do interno ou interna, así como tempo suficiente para atender actividades terapéuticas e culturais e ás comunicacións con familiares ou amigos".

Ese horario "é de obrigado respecto" e os internos e internas están obrigados a realizar as prestacións persoais necesarias para o mantemento da boa orde, a limpeza e a hixiene nos establecementos.

Ao se tratar dun centro de mulleres, o cuñado do Rei non poderá compartir actividade nin espazo algún coas internas, nin sequera á hora de comer, de xeito que o módulo que ocupará posúe o seu propio recinto fóra da cela.

O mesmo réxime penitenciario terá o socio de Urdangarín no Instituto Nóos, Diego Torres, condenado polo Supremo a 5 anos e 8 meses de cárcere polos delitos de malversación, prevaricación e fraude á Administración, que ingresará no cárcere Brians 2, en Sant Esteve Sesrovires (Barcelona).

En canto ao ex-presidente de Baleares, Jaume Matas, un dos principais condenado polo caso Nóos, e a quen se lle impuxo unha pena de 3 anos e 8 meses de prisión, xa ingresara a semana pasada na prisión de Aranjuez.

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top