O avogado xeral do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, Paolo Mengozzi, respaldou hoxe a sentenza ditada o 9 de maio de 2013 polo Tribunal Supremo español na que se anulaban por abusivas as cláusulas solo impostas polos bancos aos subscriptores de préstamos hipotecarios.
No seu informe, como consecuencia da cuestión prexudicial formulada ante o Tribunal da UE por un Xulgado do Mercantil de Granada e a Audiencia Provincial de Alacante, Mengozzi sinala que a Directiva non ten por obxecto a harmonización das sancións aplicables no caso de que se aprecie o carácter abusivo dunha cláusula contractual e, por tanto, non esixe aos Estados membros que establezan a nulidade retroactiva de tal cláusula.
Ademais, sostén que a Directiva non determina as condicións nas que un tribunal nacional pode limitar os efectos das resolucións polas que se cualifica como abusiva unha cláusula contractual. Por tanto, é o ordenamento xurídico estatal o que ten que precisar esas condicións, sempre respectando os principios de equivalencia e de efectividade do Dereito da Unión.
O avogado xeral afirma que, no momento en que se pronuncia acerca dos efectos na súa resolución, o Tribunal Supremo pode ponderar a protección dos consumidores coas repercusións macroeconómicas asociadas á amplitude coa que as entidades financeiras utilizaron as cláusulas solo.
Neste contexto, Mengozzi considera que, excepcionalmente, esas repercusións poden xustificar a limitación no tempo dos efectos da nulidade dunha cláusula abusiva, sen que rompa o equilibrio na relación existente entre o consumidor e o profesional. O informe do avogado xeral non é vinculante para o Tribunal Europeo, que terá agora que pronunciarse sobre este asunto.
Acouga rexeita o informe
A Asociación de Consumidores e Usuarios de Galicia (Acouga) cualifica como "documento de conclusións claramente político, influído e case predeterminado polo lobby bancario"no informe do avogado xeral.
Acouga formulara unha demanda colectiva, admitida a trámite o pasado mes de febreiro por un xulgado de Primeira Instancia de A Coruña, para instarlle a Abanca a devolver, con carácter retroactivo, as cantidades aboadas de máis polos posuidores de hipotecas.
Fronte ao informe de Mengozzi, o secretario xeral de Acouga, o avogado Xoán Antón Pérez-Lema, considera que "é insostíbel" o argumento do avogado xeral de que a nulidade dende o momento do contrato non sempre beneficia efectivamente ao consumidor.
"A nulidade dende o momento do contrato ou beneficia efectivamente ao consumidor ou é neutral nos períodos nos que o tipo contractual referenciado ao euríbor foi superior ao tipo mínimo da cláusula solo, como o período entre febreiro de 2005 e novembro do 2007", lembra Pérez-Lema.
Para o letrado coruñés, "non é certo, como di desacertadamente o avogado xeral, que non haxa diferenzas substanciais nas cotas dos préstamos con cláusula solo e sen cláusula solo, porque si existen, nomeadamente dende fins do 2008 até maio do 2013".
Desprotección ao consumidor
Acouga considera que coa postura expresada polo avogado xeral créase un moi negativo precedente que pode destruír todo o prestixio do Tribunal da UE e da propia protección ao consumidor que outorga o Dereito europeo se atendemos a “argumentos de patacón” para socializar as perdas da Banca a cargo dos aforradores.
A asociación galega sinala que se cómpre reestruturar a banca italiana ou española deben adoptarse as medidas oportunas cos cartos públicos, nunca cos recursos dos consumidores.
Tendo en conta a transcendencia do problema a axuizar e a cativeza e falla de solidez das conclusións do avogado xeral, Acouga confía en que a sentenza definitiva do Tribunal da UE chegue á única conclusión posíbel para facer efectiva a protección efectiva dos dereitos dos consumidores que esixe o Dereito europeo: declarar a nulidade das cláusulas solo con carácter retroactivo, dende o comezo de vixencia de cada contrato.
Falta de información
As cláusulas solo prevían que, aínda que o tipo de interese se situase por baixo dun determinado limiar (ou solo) fixado no contrato, o consumidor seguiría pagando uns intereses mínimos sen que lle resultase aplicable un tipo inferior ao pactado nese límite.
Mediante a súa sentenza do 9 de maio de 2013, o Tribunal Supremo considerou abusivas esas cláusulas, xa que os consumidores non foran adecuadamente informados acerca da carga económica e xurídica que lles impoñían. Porén, o Supremo decidiu limitar os efectos no tempo da declaración de nulidade desas cláusulas, de modo que só producise efectos a partir da data en que se ditou a sentenza.