A Audiencia Provincial de Barcelona condena a Bankinter a devolver 168.691 euros a unha veciña da Cidade Condal polas participacións preferentes que por ese importe adquirira no seu nome a entidade financeira entre 2006 e 2007.
Nunha sentenza dada a coñecer polo avogado coruñés Xoán Antón Pérez-Lema, que defendeu a demanda ante a Audiencia catalá, esta estima que Bankinter non probou que facilitase á muller a información necesaria para coñecer as características e o risco do produto que estaba a contratar.
En consecuencia, revoga unha sentenza anterior ditada polo un Xulgado de Primeira Instancia de Barcelona, que lle dera a razón ao banco, e anula a compra desas participacións, comercializadas por outras entidades financeiras.
A Audiencia lembra que “é unha esixencia da boa fe que quen comercializa un produto financeiro que coñece informe a quen non o coñece”, de forma que poida prestar o seu consentimento de forma válida e consciente, e “a carga de probar que información se facilitou é da entidade financeira”.
Bankinter alegaba que a clienta é unha persoa versada neste tipo de produtos, xa que concertara outros investimentos con anterioridade, pero a Audiencia sinala que o banco “non achegou máis que anotacións en extractos bancarios e ningunha proba que indique que clase de investimentos eran nin que características tiñan”.
En canto á información facilitada, a proba achegada por Bankinter “consistiu unicamente na declaración testifical” dos seus empregados, que “son en realidade parte interesada _precisa a sentenza_, pois á marxe da súa vinculación coa entidade demandada, discútese sobre se eles cumpriron ben ou non a súa obriga de informar”.
A sentenza precisa que Bankinter deberá reintegrar á súa clienta 168.691 euros máis os intereses legais desde a data de contratación das participacións, e terá que abonar tamén as costas xudiciais. A demandante, pola súa banda, haberá de devolver ao banco os beneficios obtidos e os intereses xerados.