O presidente da Asociación Galega de Consumidores e Usuarios (Acouga), Manuel Pérez Arias, propuxo hoxe aos consumidores afectados e aos seus avogados unha actuación conxunta por erro xudicial polas sentenzas firmes que rexeitaron no seu día aplicar a retroactividade total na devolución dos cartos indebidamente cobrados polos bancos coas chamadas cláusulas de chan.
O secretario xeral de Acouga, Xoán Antón Pérez-Lema, recoñece que na resolución do Tribunal Supremo do pasado martes, que non admitiu o primeiro recurso de revisión sobre esta materia, razóase axeitadamente sobre esta inviabilidade. Porén, considera que “a única vía posible para estas persoas é unha demanda por erro xudicial, que no caso de ser estimada permitiría reclamar a responsabilidade patrimonial do Estado polo dano causado”.
O erro xudicial sería, neste caso, “a propia sentenza do Supremo de 9 de maio de 2013, que vulnera o artigo 1.303 do Código Civil, e que creou a xurisprudencia que logo aplicaron todos os tribunais que ditaron esas sentenzas agora firmes”, sostén Pérez-Lema.
A reclamación de erro xudicial trátase dun procedemento moi pouco habitual. No caso de incorrer nel o Tribunal Supremo a reclamación tería que dirixirse á denominada Sala do 61 do Tribunal Supremo, e pódese presentar nun prazo de 3 meses desde o momento en que se entende producido o erro.
Acouga considera que ese prazo non se abriu coa resolución do Tribunal de Xustiza da Unión Europea de 21 de decembro que declarou a retroactividade total das cláusulas de chan, senón o 24 de febreiro, data na que o Supremo corrixiu a súa xurisprudencia para adaptala á europea.
Actuación cooordinada
A Asociación, xa que logo, ponse a disposición dos consumidores e dos seus avogados, para ofrecerlles a posibilidade de emprender unha actuación coordinada, tendo en conta que se trata de accións individuais que lle corresponde formular a cada persoa afectada, pero que son susceptibles de acumulación.
Acouga distingue entre as sentenzas firmes nas que se rexeitou a retroactividade máis aló do 9 de maio de 2013 e aquelas nas que os consumidores xa non a reclamaron. Neste último caso, os servizos xurídicos da Asociación consideran que ficaría subsistente unha acción xudicial para o reembolso das cantidades anteriores a maio de 2013.
A Sala do 61, creada polo artigo 61 da Lei Orgánica do Poder Xudicial, está composta polo presidente do TS, os presidentes de todas as súas salas e os maxistrados con máis e menos antigüidade de cada unha. Resolve as reclamacións por erro xudicial sempre que este derivase dunha resolución do Tribunal Supremo, e non de outros xulgados e tribunais.