Luns, 29 Mai 2017 12:35

Presentan demanda por erro xudicial ante o Supremo para reclamar cláusulas chan xulgadas antes da sentenza do TXUE

Valora este artigo
(1 Voto)

Acouga pretende que os consumidores que se viron prexudicados pola sentenza do TS de 2013 poidan esixirlle ao Estado a cantidade restante

A Asociación Galega de Consumidores e Usuarios (Acouga) presentou ante a coñecida como Sala do 61 do Tribunal Supremo unha demanda para que se declare erro xudicial a sentenza do Supremo de 9 de maio de 2013, que limitou a esa data os efectos retroactivos do reintegro das cantidades indebidamente cobradas polos bancos.

Con esta acción, Acouga pretende que os consumidores que obtiveron sentenzas firmes nas que, en aplicación daquela resolución do Supremo, se lles impedíu recuperar a totalidade do diñeiro pagado de máis, poidan reclamar as cantidades a que terían dereito se se lles aplicara a retroactividade total recoñecida o pasado mes de decembro polo Tribunal de Xustiza da UE.

De conseguirse esa declaración de erro xudicial, poderíase reclamar ese diñeiro con cargo á responsabilidade patrimonial do Estado polo funcionamento da Administración de Xustiza.

O avogado coruñés se secretario xeral de Acouga, Xoán Antón Pérez-Lema, recorda que naquela sentenza, “para evitarlle graves problemas á banca, o Supremo intentou limitar os efectos da retroactividade vulnerando as directivas comunitarias e o disposto no artigo 1.303 do Código Civil, que establece a mutua restitución de prestacións en caso de nulidade, con claro carácter retroactivo”.

Pero engade que “non lle corresponde ao Supremo limitar os efectos que establece a lei. Iso, en todo caso, corresponderíalle ao Goberno do Estado, á Comisión Europea, ao Banco Central Europeo e, por vía de recurso xudicial, á orde xurisdicional contencioso-administrativa e ao propio Tribunal de Xustiza da Unión Europea”. 

A este respecto, sinala que para minorar os efectos sobre o sistema financeiro xa existen mecanismos de reestruturación bancaria ou medidas orzamentarias de dereito tributario, “pero non lle corresponde facelo a unha Sala cuxa función é unificar a interpretación do dereito civil e mercantil español”, insiste.

Os efectos que sobre a banca poida ter a retroactividade total os “non lles corresponde pagalos aos consumidores en canto consumidores, senón, en todo caso, como cidadáns dun Estado, porque o contrario iría contra a tutela xudicial efectiva”, conclúe Pérez-Lema, para quen a sentenza de 2013 do Supremo “foi a aplicación da teoría xurídica do patacón”.

Desigualdade e acordos desfavorables 

Pola súa banda, o presidente de Acouga, Manuel Pérez Arias, cualifica de “moi negativa” a aplicación do Real Decreto Lei 1/2017, de 20 de xaneiro, de Medidas Urxentes de Protección de Consumidores en Materia de Cláusulas Chan, xa que cando se cumpren os tres meses do pleno efecto previsto nel “o único que fixo foi acentuar as desigualdades entre os bancos e os consumidores”.

Recorda que a Asociación xa advertira de que o sistema  proposto polo Goberno “non creaba mecanismos de mediación ou arbitraxe, senón que establecía unha mera capacidade de reclamación extraxudicial que o único ao que obrigaba á entidade era a unha contestación por escrito”.

Pérez Arias subliña que o que está ocorrendo na realidade é que moitas veces o banco, “con todo o coñecemento que ten das circunstancias persoais do consumidor, chámao, faille a proposta verbal e emprázao a ir pola oficina a ratificar o acordo, pero sen que haxa unha proposta por escrito previa que poida estudar detidamente”.

En definitiva, trátase dunha vía “para que as entidades poidan suxerirlles aos clientes, nesa situación clara de desigualdade, acordos que non son satisfactorios” para eles.

O secretario xeral, Pérez-Lema, engade que ningunha entidade está incorporando á súa oferta económica os xuros legais de demora polas cotas indebidamente pagadas polo cliente, xa que só propón aboarlle a diferencia entre a cota pagada e a que en realidade tería que ter pagado. “Abanca, por exemplo, nada máis que recoñece estes xuros desde o 21 de decembro de 2016, a data da sentenza europea, pero non os das cotas pagadas entre o 2009 e o 2013”, precisa.

Acouga ecoméndalles aos consumidores que non sigan a vía extraxudicial ou que, no caso de facelo, busquen o debido asesoramento, “para que o primeiro contacto co documento non sexa xa propia oficina para asinar o acordo”.

 

 

 

Información adicional

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top