Venres, 08 Xuño 2018 12:27

Os desafiuzamentos practicados en Galicia no primeiro trimestre do ano descenden un 55,7% por efecto da folga

Valora este artigo
(1 Voto)

Mantéñense as execucións hipotecarias e diminúen concursos e despedimentos

O número de desafiuzamentos practicados en Galicia no primeiro trimestre do ano experimentou un descenso do 55,7% respecto ao mesmo período do ano pasado, ao pasar de 684 a 303.

Esta caída débese, polo menos en parte, á folga de funcionarios que desde febreiro afectou ao normal servizo da Administración de Xustiza en Galicia. De feito, no primeiro trimestre do ano anterior aumentaran un 14,4%, rompendo a tendencia á baixa experimentada desde 2015.

Destes 303 lanzamentos, como consecuencia de procedementos de execución hipotecaria producíronse 89 (fronte aos 205 de 2017), o que supón unha baixada interanual do 56,6%. Como consecuencia de procedementos derivados da Lei de Arrendamentos Urbanos rexistráronse 204, fronte aos 453 do período anterior, é dicir, un 55% menos.

Os desafiuzamentos enmarcados no apartado doutras causas pasaron de 26 o ano pasado a 10 nos tres primeiros meses de 2018. No conxunto do Estado descenderon un 6,7%, segundo se desprende do informe Efectos da crise económica nos órganos xudiciais que fixo público a Sección de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial.

O número de execucións hipotecarias iniciadas en Galicia entre o 1 de xaneiro e o 31 de marzo de 2018 mantívose estable no período estudado. Nos tres primeiros meses do ano presentáronse 288 demandas, fronte ás 289 do ano anterior.

Menos concursos e despedimentos

Segundo a estatística, continúan descendendo os concursos presentados nos xulgados do mercantil galegos. Fronte aos 77 que se rexistraron no primeiro trimestre de 2017, pasouse a 68, o que supón unha baixada do 11,7%.

Con respecto aos concursos das persoas naturais non empresarias, que desde a modificación da Lei Orgánica do Poder Xudicial que entrou en vigor o 1 de outubro de 2015 corresponden aos Xulgados de Primeira Instancia e Instrución, presentáronse en Galicia nos tres primeiros meses do ano 15 casos, fronte aos 18 no mesmo período do ano pasado.

Con respecto aos expedientes do artigo 64 da Lei Concursal, relativos á modificación substancial das condicións de traballo de carácter colectivo (ERE’ s), en Galicia rexistráronse no primeiro trimestre do ano 4, fronte aos 9 do mesmo período do ano pasado.

As 1.193 demandas por despedimento presentadas nos Xulgados do Social entre o 1 de xaneiro e o 31 de marzo pasados supoñen un descenso interanual do 12,7%, fronte ao ascenso do 1,6% da media estatal.

O informe sinala así mesmo un descenso dos procedementos monitorios presentados no primeiro trimestre do ano nos Xulgados de Primeira Instancia e de Primeira Instancia e Instrución. En Galicia presentáronse 5.941, fronte aos 6.973 do ano pasado, o que supón un descenso interanual do 14,8%.

Hai que ter en conta que as conclusións destes datos estatísticos (e, por conseguinte, a súa comparación co promedio estatal) teñen que ser interpretadas tendo en conta a folga de funcionarios levada a cabo desde o 7 de febreiro.

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top