Martes, 17 Mai 2016 14:22

O TSXG obriga a indemnizar con 200.000 euros a un traballador que quedou cego por un tratamento contra a lumbalxia

Valora este artigo
(1 Voto)

O Tribunal condena á mutua Muprespa e ao sanatorio Modelo de A Coruña a compensar ao paciente polo dano irreversible sufrido

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) condena á Mutua de Accidentes de Traballo Fraternidade -Muprespa- e ao Sanatorio Cirúrxico Modelo de A Coruña a indeminzar con 200.000 euros a un traballador polas lesións irreversibles na vista que lle provocou un tratamento médico contra unha lumbalxia. As doenzas que padece o paciente “son permanentes e de carácter irreversible, determinantes dunha cegueira case total”. 

O prexudicado tiña 43 anos cando, segundo relata a sentenza, “a consecuencia dun esforzo físico realizado no desempeño do seu traballo como limpador, sofriu, en data 19 de setembro de 2005, unha lesión que determinou un complicado cadro de lumbociática”. Inicialmente, foi atendido polos servizos médicos da Mutua, que lle realizaron unha resonancia magnética nuclear da zona lumbar e ditaminaron osteocondrose en articulacións e unha pequena hernia de disco. Á vista deste diagnóstico o doente foi remitido ao Sanatorio Cirúrxico Modelo, onde lle prescribiron tres infiltracións epidurais lumbares que lle levaron a cabo, sen iniciais complicacións, no mes de novembro de 2005.

En febreiro de 2006 manifestáronse no traballador “síntomas visuais” que determinaron o seu ingreso, por urxencias, no Hospital Materno, e a súa posterior remisión a unha clínica oftalmolóxica. A partir desa data, someteuse a distintas probas oftalmolóxicas e neurolóxicas. Segundo un informe médico de decembro dese mesmo ano, “indicouse infiltración epidural lumbar, tratamento que foi mal tolerado polos efectos adversos (neuropatía óptica)”.

Uns meses despois, o Instituto Nacional da Seguridade Social declarou ao traballador en situación de incapacidade permanente en grado absoluto, e a ONCE certificou en 2009 que o doente padece “atrofia óptica bilateral, hialinización arteriolar e atrofia macular”. 

O demandante sostiña no seu recurso que non foi informado, no seu momento, das lesivas consecuencias que o tratamento de infiltración epidural con corticoides podía ocasionarlle, cando eran uns efectos secundarios que aparecían profusamente documentados na bibliografía médica, o que lle proporcionaría a opción de rexeitalo. 

Relación causa-efecto acreditada

O tribunal fundamenta a súa sentenza na proba pericial practicada e explica que ésta concluíu que ao traballador lle foron subministradas tres inxeccións epidurais na rexión lumbar cun produto denominado Trigón, con anestésico. O perito tamén considera probado que concorre “unha correlación no tempo entre as tres infiltracións epidurais aplicadas e a afección visual padecida” polo doente. Asimesmo, considera “que tal tratamento constituíu un factor de risco para a secuela producida”. De feito, o perito sinalou que “o subministro de Trigón por vía epidural foi un factor de risco asociado importante, que incrementou o risco de aparición dun caso de coroidite serosa central, así como a súa correlación no tempo co xurdimento da patoloxía visual”. 

Ademais, o tribunal engade que, conforme á ficha técnica do devandito medicamento publicada polo Ministerio de Sanidade, “a aplicación por vía epidural do produto está contraindicada, sendo susceptible de provocar reaccións oftálmicas adversas”.

“Fácil resulta concluir, por un lado, _conclúe a sentenza_ que tan graves e previsibles consecuencias derivadas dese tratamento, terían que ter sido comunicadas ao interesado ao obxecto de que fose cabalmente consciente dos riscos e aceptase expresamente asumilos suscribindo o oportuno consentimento informado; e, por outro, que a relación de causa a efecto entre o tratamento subministrado e a lesiva consecuencia derivada quedou acreditada”. 

O fallo, ditado pola Sección Primeira da Sala do Contencioso Administrativo, na que actuou como ponente o maxistrado Benigno López González, atende parcialmente o recurso que interpuxo o prexudicado contra Muprespa en reclamación de responsabilidade patrimonial “por deficiente funcionamento dos servizos públicos sanitarios dispensados polo Sanatorio Cirúrxico Modelo”, e no que se cuantificaba en 300.000 euros a demanda.  

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top