A Sala do contencioso-administrativo do Tribunal Supremo vén de ratificar a Ordenanza Municipal de Protección da Convivencia Cidadá e Prevención de Actuacións Antisociais do Concello de Valladolid que prohibe ir espido nos espazos e vías de uso público, aínda que anula a expresión "semidesnuda" incluída nela pola indeterminación do concepto.
A sentenza considera que a prohibición de estar espido ou transitar en bañador non supón que se conculquen os dereitos á liberdade ideolóxica, de pensamento de crenzas que recolle o artigo 16 Constitución, como alega, entre outros motivos, a Federación Española de Naturismo no seu recurso. Neste sentido, afirma que non se pode compartir a idea de que estar espido en calquera espazo público constitúa sen máis a manifestación externa da liberdade de pensamento, ideas ou crenzas ou que a nudez mesma deba ser entendida como un auténtico dereito ejercitable en todo lugar público.
Engade que tampouco pode defenderse a existencia dun dereito fundamental a deambular, transitar ou estar neses lugares en bañador, "pois non se alcanza a entender qué liberdade fundamental se exercita, necesariamente, vestido coa devandita peza".
A Sala Terceira afirma que con tal regulación non se pretende establecer un concepto oficial de moral, nin impoñelo coercitivamente a quen non o comparten e, ademais, subliña que se trata, simplemente, de asegurar unhas condicións de uso dos lugares públicos que reúnan uns mínimos de aceptación polos residentes e visitantes da cidade.
Así mesmo, considera que a Ordenanza municipal impugnada "non condena, restrinxe ou limita as crenzas ou as opinións dos cidadáns en relación co naturismo, senón que fai algo máis simple: prohibir a nudez nos lugares de uso público xeral do territorio municipal e tipificar como infracción o incumprimento desa prohibición".
Do mesmo xeito, reitera a doutrina da Sala que establece que as Corporacións Locais teñen competencia para prohibir que as persoas vaian, estean ou transiten espidas polos espazos públicos por estar legalmente habilitadas pola lei e non restrinxir con tal prohibición o exercicio de dereitos fundamentais.
A sentenza estima parcialmente o recurso interposto pola Federación Española de Naturismo e anula a expresión que prohibe ir ou estar en lugares públicos "semidesnudo" ao considerar que non é posible determinar cun mínimo grao de precisión as características concretas da conduta que se sanciona. Por todo iso, considera que fose necesario un maior esforzo da Corporación municipal para acoutar o concepto "e non deixar tan extraordinaria marxe de apreciación nunha materia que non se presenta con indiscutible claridade".